Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta que paralice os cobros aos Concellos polo tasazo de SOGAMA

Imaxe deputación de lugo
- O Pleno aprobou demandar ao Goberno Central que derrogue a lei 27/2013 para devolver ás entidades locais as competencias en servizo sociais co obxectivo de que as financie - A sesión acordou instar ao Ministerio de Fomento a que inicie as negociacións para abrir ao tráfico comercial o Dique Norte do Porto de Alcoa en San Cibrao - O Pleno sacou adiante, cos votos dos 12 Deputados do PP e de Manuel Martínez, unha modificación do regulamento orgánico

O Pleno da Deputación aprobou a moción, cos votos en contra dos 12 Deputados do PP e a pesares da ausencia de Manuel Martínez na votación, para instar á Xunta de Galicia a derrogar as subas dos canons de SOGAMA, así como para que se estimen os recursos presentados polos Concellos a través da vía administrativa en contra das incautacións aplicadas contra eles.

O Pleno da Deputación aprobou a moción para esixirlle ao Goberno Central a que se derrogue a lei 27/2013, de 27 de decembro de racionalización e de sustentabilidade da Administración Local para que se lle devolvan urxentemente ás Entidades Locais as competencias en materia de prestación dos servizo sociais e reinsercións sociais, así como o financiamento correspondente.

Na sesión tamén se aprobou que o Goberno da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao faga unha redistribución dos ingresos obtidos a través do Porto de San Cibrao para que estes cartos se revertan na costa lucense. Do mesmo xeito, instase ao Ministerio de Fomento a que inicie as negociación para abrir ao tráfico comercial o dique norte do Porto de Alcoa en San Cibrao.

Aprobouse, por unanimidade, unha moción para a reparación e rehabilitación dun treito da estrada provincial Monforte - Currelos, LU-P-3202.

Modificación do regulamento orgánico
O Pleno aprobou, cos 12 votos dos Deputados do PP e de Manuel Martínez, facer unha modificación do regulamento orgánico co obxectivo trasladar as seguintes competencias da Xunta de Goberno ao Pleno:

  1. Autorizar ou denegar as situacións administrativas, mesmo a de compatibilidade para un segundo posto de traballo ou actividade no sector público, así como a resolución motivada recoñecendo a compatibilidade do citado persoal para o exercicio de actividades da entidade local á que se refiren os artigos 9 e 14 da Lei 53/84 do 26 de decembro de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. O Voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que “o único que se consegue é prexudicar aos traballadores públicos, pois terán que esperar a que se celebre o pleno para aprobar a compatibilidade doutra actividade laboral”.
  2. Exercicio de accións xudiciais e administrativas en defensa dos actos de competencia da Deputación Provincial e os demais actos de calquera órgano salvo avocación. “Coa modificación desta competencia, o que se consegue é que a Deputación non se poida defender coa mesma axilidade”.
  3. Declarar a necesidade de ocupación de todos os proxectos que leven aparellada a expropiación forzosa, así como a aprobación das distintas fases do procedemento expropiatorio, incluso a fixación da taxación, calquera que sexa a súa contía, “o que ralentizará os proxectos de obras da Deputación, prexudicando, polo tanto, os intereses dos lucenses”.
  4. Aprobación de Informes Sectoriais de Estradas do documentos de Planeamento Urbanístico, “esta competencia foi delegada expresamente na Xunta de Goberno, para axilizar a aprobación desta documentación tan necesaria para que os Concellos aproben dende a delimitación dun núcleo rural ata os propios PXOMS”.

Declaración institucional en contra dos actos violentos
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha declaración institucional; que contou co apoio dos 3 grupos políticos, en contra de calquera acto de violencia, co gallo dos terribles atentados ocorridos recentemente en París, así como dos atroces actos de violencia que produciron, no que vai de ano, que sexan 48 as mulleres que morreron vítimas destes atentados criminais, coñecidos como violencia de xénero.