Deputación de Lugo

Outras 100 persoas poderán participar nas actividades gratuítas do Goberno da Deputación na Reserva dos Ancares Lucenses

- López Izquierdo participou hoxe xunto a 23 nenos do CPI de San Román no primeiro dos 6 obradoiros que se celebrarán en Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá - O prazo de solicitude está aberto en ancareslucenses@deputacionlugo.org. Máis información no 982227812 ou en www.deputacionlugo.gal

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, informou este venres sobre as actividades gratuítas, que o Goberno da Deputación leva á Reserva da Biosfera dos Ancares. Fíxoo no Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do obradoiro de cociña ecolóxica, que se enmarca dentro desta programación, no que participaron 23 nenos do CPI de San Román.

López Izquierdo avanzou que a oferta de actividades inclúe obradoiros de fabricación de queixos, elaboración de bebidas vexetais e de licores artesáns, entre outros. Todos eles con carácter gratuíto e pensados para participantes de todas as idades.

Hoxe celebrouse a primeira das actividades e restan outras 5, que terán lugar en Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, cun total de 100 prazas gratuítas. As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos cursos poden facelo a través do teléfono 982 227 812 ou no correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org.

O obradoiro que tivo lugar en San Román de Cervantes, coa participación dos 23 nenos do CPI, consistiu na elaboración, coa guía dun cociñeiro, dun menú con produtos ecolóxicos e de proximidade, que logo degustaron no propio centro escolar. O menú estivo composto dunha ensalada ao queixo do Cebreiro, unha mini hamburguesa de tenreira Galega e de sobremesa, bolachas de castaña e mel.

Programación
Becerreá
O Centro de Servizos Sociais do Concello de Becerreá acollerá as seguintes actividades:
- Obradoiro de fabricación artesanal de queixo freso. 
Luns 13 de febreiro de 17:00 a 20:00 horas  e mércores 15 de febreiro de 16:00 a 20:00 horas. Actividade con 20 prazas para adultos.
- Manualidades medioambientais para nenos. Luns 27 de febreiro, de 10:00 a 14:00 horas. Actividade con 20 prazas para nenos de 5 a 12 anos.

Cervantes
- Obradoiro de cociña ecolóxica para nenos e nenas. Venres 3 de febreiro, de 10:00 a 13:30 horas, no CPI de Cervantes. Actividade con 23 prazas para nenos. CELEBRADO HOXE MESMO.
- Obradoiro de bebidas vexetais. Martes 14 de marzo, de 16:00 a 20:00 horas, no Edificio de Servizos Múltiples en San Román de Cervantes. Actividade con 20 prazas para adultos.

Navia de Suarna
A Escola de Barcia acollerá as seguintes actividades:
- Obradoiro de elaboración de licores artesáns. Mércores 8 de marzo e mércores 5 de abril de 17:00 a 20:00 horas. Actividade con 20 prazas para adultos.
- Conferencia “A problemática fitosanitaria en árbore froiteiras”. Mércores 22 de marzo, de 17:00 a 19:00 horas. Actividade con 20 prazas para adultos.