Deputación de Lugo

A Deputación achega 130.000 euros ao Resurrection Fest, o festival de hardcore de referencia en España que deixa na Mariña millóns de euros  

- Darío Campos, María Loureiro e Iván Méndez supervisaron hoxe na cidade do Landro as instalacións nas que se desenvolverá o festival entre o 7 e 9 de xullo - O Presidente subliñou que a achega da Deputación “é un investimento en impulso da economía da Mariña, pois no 2015 o festival deixou na Comarca máis de 5 millóns de euros coa participación de 55.000 persoas. Este ano, a previsión é acadar os 80.000 visitantes de 35 países polo que os beneficios serán maiores” - A Alcaldesa destacou que só a organización deste festival xera 1.000 empregos directos e indirectos. Os establecementos hostaleiros de Viveiro están cheos e os visitantes acoden aos doutros municipios. O Concello habilitou lugares de acampada para 17.000 persoas, aumentando en 5.000 a oferta con respecto á edición anterior

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, supervisaron este venres en dito municipio mariñao as instalacións nas que se desenvolverá o Resurrectión Fest, o festival de hardcore máis importante de España, cada ano máis internacionalizado, que terá lugar na cidade do Landro dende o 7 ao 9 de xullo. Campos Conde explicou que o organismo provincial é a institución que máis achega a esta iniciativa, con 130.000 euros, “que son un investimento en impulso da economía da Mariña, pois na pasada edición este festival foi capaz de deixar na Comarca un volume de negocio superior aos 5 millóns de euros, pois participaron unhas 55.000 persoas. Este ano a previsión é acadar os 80.000 visitantes de 35 países, polo que os beneficios en todos os eidos serán maiores”.

A Alcaldesa subliñou que só a organización deste festival xera xa arredor de 1.000 postos de emprego de xeito directo e indirecto. Os establecementos hostaleiros de Viveiro están ocupados ao 100% dende hai tempo, polo que os visitantes acoden aos dos municipios limítrofes. Como novidade, este ano o Concello habilitou máis lugares de acampada, nos que poderán pernoctar máis de 17.000 persoas, aumentando en 5.000 a oferta con respecto á edición anterior.

A cidade de Landro xa comezou a recibir visitantes, pois un grande número de participantes neste evento chega á Mariña unha semana antes para desfrutar da Comarca. “Este festival medra ano tras ano, convertendo a Viveiro na capital mundial da música metal, punk e hardcore, e sendo unha oportunidade de ouro para promocionar a Comarca”, subliñou Campos Conde.

Campos Conde e María Loureiro estiveron acompañados polo fundador do Resurrectión Fest, Iván Méndez, que destacou que as entradas poderían rematarse o vindeiro luns.

Relación calidade-precio moi boa
Iván Méndez anunciou que este ano prevén máis asistentes que outros anos, “non só polo cartel, senón porque comprobamos ano tras ano que este proxecto medra porque os visitantes saen satisfeitos deste festival, xa que a relación calidade-precio é moi boa”. Explicou que a Comarca da Mariña é o lugar ideal para realizar este evento musical. “Aquí un visitante pode atoparse de todo, sol, praia, montaña, turismo cultura... todo esta aquí, e por un precio moi asumible”.  Sinalou que neste momento estanse a pedir entradas dende 35 países do mundo, por iso ano tras ano esta máis internacionalizado”.

Programa
A XI Edición do Resurrection Fest arranca o día 7 de xullo e remata o día 9 de xullo. Segundo a propia a organización, as expectativas para esta edición son mais altas que nunca, e contará con nomes como Iron Maiden, The Offspring, Volbeat, Bring Me The Horizon, Bad Religion, Bullet For My Valentine, Gojira, Abbath, Hatebreed, entre outros.
Tamén se celebrará actividades paralelas como o “Resukids” co obxectivo de abrir o festival a toda a familia. No recinto onde se celebra o evento haberá supermercado e espacio para ilustradores. E paralelamente na cidade haberá actuacións de bandas galegas e proxeccións de longametraxes de Metallica e Iron Maiden, entre outros.