Deputación de Lugo

Centos de persoas sumáronse á Quedada Reivindicativa pola Igualdade

Centos de persoas se sumaron este martes á Quedada Reivindicativa pola Igualdade de Xénero na Praza de San Marcos, que organizou a Deputación coa colaboración de Concello de Lugo e tecido asociativo da provincia, con motivo do Día Internacional da Muller.

No acto, estreouse o vídeo que a Fundación TIC realizou á Asociación Bonhomía, no que mulleres lucenses de todas as idades pronunciaron frases empregadas a cotío cun claro transfondo machista. Tamén se proxectaron imaxes da Campaña “Son Emprendedora”, que desenvolveu a Asociación Provincial de Empresarias de Lugo, e á que se sumaron máis de 200 mulleres de todos os sectores.

A Deputada de Igualdade, María Loureiro, foi a encargada de conducir a Quedada Reivindicativa. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, así como mulleres de Fademur e das asociacións de Empresarias da Provincia, Autónomas de Lugo, Enriqueta Otero, Viúvas, Acadar e Alume, descubriron unhas lonas dende o balcón do Pazo Provincial coa palabra IGUALDADE, que permanecerá colgada no Pazo de San Marcos durante toda esta semana.

Manifesto
María Loureiro deu lectura ao seguinte manifesto:

En primeiro lugar, tristemente temos que falar da violencia machista; unha lacra que non cesa. 64 mulleres foron asasinadas polas súas parellas en España o ano pasado. No que levamos de 2016, as vítimas de violencia machista ascende xa ás 11, o doble que o ano pasado nestas mesmas datas. 2 foron galegas, 1 veciña de Becerreá.

Basta xa! Esta dramática cifra non pode seguir medrando. Por iso, esiximos un Pacto Institucional, Político e Social contra a violencia de xénero, que sexa capaz de erradicar a manifestación máis extrema de desigualdade.

No eido laboral, as mulleres levamos, sempre, as de perder. As nosas remuneracións son un 24% inferiores ás dos homes. Temos que traballar 79 días máis ao ano para cobrar o mesmo. É necesaria unha Lei de Igualdade Salarial que rache con esta brecha do 24% que, en Galicia, aínda supón peores rendas polos salarios e condicións laborais inferiores ás da maior parte do Estado. É preciso un Pacto de Xénero que supoña o recoñecemento equilibrado entre homes e mulleres en todos os ámbitos.

Necesitamos un sistema co-educativo que garanta a igualdade entre os sexos en todos os niveis (dende infantil ata a universidade); que incorpore os intereses, os coñecementos e a historia das mulleres no currículum.

Reclamamos, por enésima vez, que se garanta a nosa liberdade de elección sobre a maternidade; e que se recoñezan os nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Esiximos o noso dereito a elixir se queremos ser nais, e tamén a non selo; así como uns recursos públicos de calidade e axeitados para poder facelo.

Hoxe, máis que nunca, tamén queremos reivindicar o feminismo, pois foron moitos os intentos de eliminar a súa consistencia ideolóxica e de tradición política e intelectual, así como a súa longuísima loita social. O feminismo non se trata de facer máis forte ás mulleres, porque xa o somos. O feminismo consiste en cambiar a forma na que o mundo percibe esa forza.

Temos que ter claro que ningún país pode acadar o seu esplendor ata que as mulleres poidamos desenvolver as nosas potencialidades ao máximo. Polo tanto, este martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e todos os días, pedimos que o homes teñan os seus dereitos, e non máis. E que as mulleres teñamos os nosos dereitos, e non mesmo. Reclamamos, en definitiva, IGUALDADE.>>