Deputación de Lugo

Por 1º vez os colectivos da provincia contra o abandono de animais abordan conxuntamente as súas necesidades, a proposta do goberno da Deputación

- López Izquierdo mantivo esta mañá un encontro con nove colectivos da provincia para poñer problemas en común: a Protectora de Animais de Xermade, a Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA), a Sociedade Protectora de Animais de Lugo, a Asociación Protectora do Valadouro-Alfoz, Bigotes Burela, Asociación Asistencial Protectora de Foz, Huellas de Sarria, AMARCAN de Monforte de Lemos e Coletiña de Cervo - A creación e xestión adecuada de infraestruturas de acollida de animais abandonados nos Concellos, a posta en marcha de campañas de sensibilización cidadá e o control de colonias de gatos foron algunhas das propostas de actuación da área de Medio Ambiente para este ano

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este luns no Fogar de Santa María un encontro con 14 representantes de nove colectivos e asociacións protectoras de animais da provincia, que se reuniron por primeira vez a instancias do organismo provincial para poñer problemas en común e determinar as principais necesidades para facer fronte ao problema do abandono de mascotas.

Sonsoles López coñeceu de primeira man a situación, problemas e necesidades dos colectivos que actualmente traballan na protección de animais na provincia, co obxectivo de determinar os investimentos necesarios para que os Concellos lucenses conten con núcleos zoolóxicos de referencia. Ademais, amosou a súa vontade de elaborar un convenio marco que defina as relacións de traballo entre Concellos e colectivos, para mellorar a xestión deste tipo de centros.

A Deputada de Medio Ambiente tamén lles propuxo ás protectoras de animais o desenvolvemento de dúas campañas de sensibilización, unha para evitar o abandono e o movemento de cans por parte dos peregrinos que fan o Camiño de Santiago e outra que se desenvolvería nas principais vilas da provincia para concienciar sobre esta problemática social. As asociacións estiman que na provincia de Lugo se abandonan ao ano 5.000 cans, cuxa recollida e atención ten un custe de 300 euros por animal, incluída a castración, vacinación e instalación de microchips.

Outro dos temas que se abordou na reunión foron as distintas alternativas existentes para o control de colonias de gatos. Neste senso, Sonsoles López Izquierdo comprometeuse a estudar as propostas dos colectivos participantes, que avogaron pola aplicación do método CES (captura-esterilización-solta) e a instalación de casetas urbanas para acubillar os gatos abandonados.

Colectivos Participantes
Participaron na reunión coa Deputada de Medio Ambiente representantes dos seguintes colectivos: a Protectora de Animais de Xermade, a Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA), a Sociedade Protectora de Animais de Lugo, a Asociación Protectora do Valadouro-Alfoz, Bigotes Burela, Asociación Asistencial Protectora de Foz, Huellas de Sarria, AMARCAN de Monforte de Lemos e Coletiña de Cervo.