Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle ata o 8 de xaneiro instantáneas do gañador do Premio de Galicia de Fotografía Contemporánea

- A Deputada de Cultura presentou Environments, a mostra do fotógrafo Jon Gorospe que conta con 30 imaxes e que estará exposta na Sala de Exposicións - García Porto subliñou que “dende a Deputación colaboramos co Outono Fotográfico, porque é unha iniciativa que achega esta práctica a todos os galegos e especialmente, a aqueles que están interesados no eido máis profesional da fotografía” - Horario: de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 h. Sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 hs. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h. Entrada gratuíta

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este venres a mostra Environments do artista vitoriano Jon Gorospe, gañador do IV Premio de Galicia de Fotografía Contemporánea deste ano, que estará exposta ata o 8 de xaneiro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Fíxoo xunto ao Secretario Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o Director do festival Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, e o curador da exposición, Vítor Nieves. O organismo provincial colabora cunha achega económica de 1.000 euros para a celebración do Premio de Galicia de Fotografía Contemporánea.

García Porto subliñou que “dende a Deputación colaboramos co Outono Fotográfico, porque é unha iniciativa que achega esta práctica a todos os galegos e especialmente, a aqueles que están interesados no eido máis profesional da fotografía. É un pracer poder contar no Pazo de San Marcos coa colección de Jon Gorospe, que fai unha reflexión interesante e necesaria sobre a contaminación na actualidade”.

Environments é un proxecto composto por 30 fotografías e dous filmes que denuncia como a sociedade actual agocha os produtos que produce e a opacidade dos lugares onde se acumula ese lixo. O rematar a exposición en Lugo, a mostra comezará a súa itinerancia durante tres anos polas principais cidades galegas e algunhas de España e Portugal.

O horario da exposición e de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas. Sábados de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Premio de Galicia de Fotografía Contemporánea
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten como obxectivo promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. O premiodeste anoestá dotado con 10.000 euros que se destinan á produción dunha exposición temporal, a cargo do Outono Fotográfico, e á publicación dun libro coa obra gañadora.

Outono Fotográfico
O Outono Fotográfico é o Festival Galego de Fotografía, o decano da península ibérica, que componse de tres seccións: A Sección Oficial, na que o Festival convida a autoras/es e curadoras/es, o Outono Aberto onde se seleccionan traballos de amadoras/es, e Historias da fotografía galega para a recuperación do traballo de fotógrafas/os de Galicia xa falecidos. Ademais organiza exposicións e programacións en espazos expositivos como galerías de arte, salas de exposicións institucionais, centros de ensino, Casas de Concellos, da Xuventude ou de Cultura entre outros.