Deputación de Lugo

Óliver Laxe, gañador dun premio en Cannes, inaugura este mércores o novo curso da Escola da Fundación TIC

-Alumnos da TIC póñense ás ordes do director galego no obradoiro sobre a rodaxe dunha curta que se proxectará na clausura da Semana Internacional de Cine de Autor -Laxe imparte o taller cos actores de Pinchacarneiro de ANADE que gravarán e editarán estudantes da EIS -Esta actuación forma parte da colaboración da TIC con ANADE e Fonmiñá, dentro do apoio da entidade da Deputación ao tecido asociativo da provincia

O director galego Óliver Laxe, gañador do gran premio da Semana da Crítica de Cannes pola película “Mimosas”, será o encargado de inaugurar este mércores o curso 2016-2017 da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC.  O acto terá lugar ás 11:00 horas no Salón de Actos da EIS.

Pero este non será o primeiro contacto do cineasta co alumnado da Escola. Estudantes da Fundación TIC póñense ás súas ordes no obradoiro de rodaxe dunha curta co grupo de teatro “Pinchacarneiro” de ANADE. O taller celébrase este luns e martes, 19 e  20 de setembro, e a montaxe final emitirase na clausura da Semana Internacional de Cine de Autor, o sábado 24.

Un triplo obxectivo
A participación da TIC neste obradoiro impartido por Óliver Laxe ten un triplo obxectivo. Por unha banda, supón unha práctica en escenario real, e cun dos cineastas galegos con máis proxección internacional, para o alumnado da TIC da Deputación de Lugo.

Pero ademais, forma parte do apoio que a Fundación presta ao tecido asociativo da provincia. Neste caso, colabórase con dúas asociacións:  ANADE e Fonmiñá, esta última encargada de organizar a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, na que se proxectará o traballo dos alumnos e alumnas da EIS.