Deputación de Lugo

PP e Deputado non adscrito votan en contra do Premio Otero Pedrayo, Club Kayak de Foz, Museo da Romanización, tren e bombeiros

Os 12 Deputado do PP e o Deputado non adscrito decidiron votar en contra e non absterse para que todos os asuntos non saísen adiante cos votos do PSOE e BNG

Os 12 Deputados do Partido Popular e o Deputado non adscrito decidiron hoxe no Pleno votar en contra, e non absterse, feito que permitiría que todos os asuntos saísen adiante cos votos a favor do PSOE e do BNG, do Premio Otero Pedrayo, da ampliación do Club Kayak de Foz, da conversión do Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización, da modernización dos servizos ferroviarios na provincia e na mellora das condicións laborais dos bombeiros. Todas estas propostas, ás que se opuxeron ditos Deputados, recollían as reclamacións de colectivos de todo o territorio lugués.

O PP e do Deputado non adscrito votaron en contra da proposta do Goberno Provincial para adxudicar a Arcadio José María López Casanova o Premio Otero Pedrayo por valor de 16.000 euros. Cada ano, unha Deputación galega se encarga da convocatoria e concesión deste galardón en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta anualidade, correspóndelle á de Lugo custealo con 16.000 euros, ás da Coruña, Pontevedra e Ourense con 2.000 euros e á administración autonómica con 8.000 euros. O fallo do premio tamén se fai conxuntamente a través dun xurado de expertos, no que se involucran ata a USC e a Real Academia Galega.

O Club Kayak de Foz solicitou á Deputación de Lugo axuda económica para ampliar as súas instalacións. O Goberno Provincial respondeu a esta petición, levando hoxe ao Pleno un investimento de 100.000 euros para poder iniciar a execución do proxecto de construción dun novo hangar de piraguas, co que xa conta esta entidade. Trátase dun club que ano a ano incrementa as licenzas federativas e que conta cunha importante traxectoria na Comunidade, pois data do ano 1983 e organiza a proba de piragüismo máis antiga de Galicia, como é a Travesía de Foz.

O Goberno Provincial presentou este martes ao Pleno unha proposta que recolle as conclusións do estudo do Eixo Atlántico para modernizar o tren na provincia. Os 12 Deputados do PP e o Deputado non adscrito votaron en contra da chegada da alta velocidade a Lugo, da intermodal, así como da mellora dos servizos de pasaxeiros e de mercadorías, que permitiría desenvolver o Porto Seco. Todo isto, cando dito estudo demostra, unha vez máis, que a provincia de Lugo é a que conta coas peores comunicación ferroviarias de toda a Comunidade, así como unha das peores de España.

PP e Deputado non adscrito votaron en contra do Museo da Romanización, que colectivos en defensa do patrimonio reclaman á Xunta no Cuartel de San Fernando; así como de mellorar as condición laborais dos bombeiros dos parques do Consorcio Provincial, tal e como reclaman estes profesionais, hoxe presentes na sesión plenaria.