Deputación de Lugo

A Deputación conmemora o Día Mundial do Alzheimer con música en directo, maxia e a proxección de Arrugas

- Campos Conde subliñou a necesidade de colaborar con este tipo de iniciativas, que dan visibilidade xa non só aos doentes, senón tamén ás súas familias - Durante a xornada, os magos Antón e David Menéndez, ofreceron ducias de espectáculos; e o grupo Os xardois amenizou os actos con música tradicional - A Presidenta de AFALU agradeceu a colaboración de Deputación e Concello e lembrou a importancia de apostar pola investigación neste eido

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Cooperación cos Concellos, Emprego, Benestar e Igualdade, Álvaro Santos, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e a Presidenta de AFALU, Carmen Pena, participaron este mércores nas actividades que organizou a Deputación para conmemorar o Día Mundial do Día Mundial do Alzheimer.

Campos destacou a colaboración de Deputación e Concello de Lugo con AFALU, AFA Chantada, AFA Monforte e AFA Viveiro, que son todos os colectivos de Alhzeimer que hai na provincia luguesa, con investimentos directos de 50.000 euros entre ambas as dúas institucións.

A xornada comezou ás 17:30 horas coa actuación do grupo gaiteiros Os Xardois e as funcións de maxia do magos Antón e David Ménendez na Praza de San Marcos. A continuación, presentouse o vídeo Sensibilización co Alzheimer realizado pola TIC da Deputación. Ás 18:30 horas tivo lugar no Salón de actos da Deputación a conferencia Alimentación en la Enfermedad de Alzheimer a cargo de Iria Franco Peña, técnica de AFALU. De seguido, na sala de exposicións do organismo provincial, os magos Antón e David Menéndez realizaron varios espectáculos de maxia. Finalmente, proxectouse a película Arrugas, do director Ignacio Ferreras, gañadora de 2 premios Goya.

Envellecemento da poboación
O maior risco no Alzheimer é a idade. Galicia é a segunda comunidade autónoma máis vella de España, só superada por Asturias, con 190 xubilados por cada 100 mozos. Dende 2000, Galicia é unha comunidade envellecida, o que significa que conta con máis persoas maiores que mozas. O aumento da esperanza de vida, a diminución da taxa de natalidade ata alcanzar a cifra máis baixa dos últimos 13 anos, o saldo vexetativo negativo, pois morren máis persoas das que nacen desde fai case tres décadas, e a marcha dos máis novos a outras comunidades e países debido á crise son as principais causas desta situación.