Deputación de Lugo

A Deputación celebra o X Aniversario do Pazo de Tor reivindicando o seu papel na difusión cultural na provincia

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e outras autoridades, participaron este mércores, acompañados de ducias de veciños, nos actos programados en conmemoración do X Aniversario do Pazo de Tor como museo provincial.

Campos Conde comezou a súa intervención lembrando a Agustín Fernández Paz “pois creo que é de xustiza por en valora a figura  do ilustre escritor vilalbés que, tal e como el mesmo ten confesado, xa dende cativo sentía fascinación polas instalacións da Rede Museística Provincial”, salientou.

O Presidente fixo mención a Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga; a última propietaria do Pazo de Tor, que doou estas  instalacións á Deputación de Lugo. “A xenerosidade de Dona María fixo posible que o Pazo de Tor sexa hoxe un referente na divulgación cultural na nosa provincia”.

“A visita ao Pazo de Tor, non só permite coñecer de primeira man unha das máis importantes mostras da arquitectura galega, senón tamén as salas e dependencias destas instalacións. Nelas, atopamos o mobiliario orixinal e as coleccións artísticas, que a familia de Dona María foi atesourando ao longo dos séculos, convertendo ao Pazo de Tor en testemuña do que foi a Galicia da Idade Moderna”.

O titular provincial remarcou “a visita é obrigada para todas aquelas persoas que se acheguen á Ribeira Sacra lucense; ademais de ser un dos valores engadidos da zona para merecer a súa declaración como Patrimonio da Humanidade”.

Campos Conde agradeceu a todos os colectivos e traballadores da Rede Museística Provincial o intenso traballo que levaron a cabo neste Pazo nos últimos dez ano e que converteron a Tor nun dos museos de referencia no país.