Deputación de Lugo

A TIC colabora na curtametraxe “Cabello de ángel” do exalumno da EIS Fernando Losada

-A Fundación achegou apoio técnico e a participación de bolseiros a este proxecto no que, ademais de Fernando Losada, traballan outros tres antigos alumnos da Escola -A curta rodouse esta fin de semana no concello do Corgo e estrearase a finais de agosto no Festival de cine fantástico de Monforte -A participación da TIC nesta rodaxe enmárcase na súa liña de apoio a iniciativas de exalumnos da EIS, aos que axuda a introducirse no sector audiovisual

A Fundación TIC colabora, coa curtametraxe Cabello de ángel, unha idea orixinal dun exalumno da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o lucense Fernando Losada. Neste proxecto audiovisual tamén traballan outros tres profesionais do sector audiovisual formados na Escola de Imaxe e Son de Lugo.

A participación da Fundación TIC nesta curtametraxe débese, por un lado, ao apoio que lle dá ao audiovisual galego pero, sobre todo, ao compromiso e implicación que mantén a TIC co seu alumnado, non só durante o seu período de formación teórica e práctica, senón mesmo cando os estudantes comezan a dar os seus primeiros pasos no mundo laboral para introducirse no sector audiovisual.
A Fundación TIC axuda a que este proxecto sexa unha realidade facilitando apoio técnico e coa participación de distintos profesionais e bolseiros durante a rodaxe, que tivo lugar a pasada fin de semana.

A rodaxe de Cabello de ángel, unha curtametraxe na que se narra unha historia de suspense protagonizada por unha familia galega, desenvolveuse o sábado e o domingo nun pazo situado en Maceda, no concello do Corgo. Nas próximas semanas traballarase na súa montaxe e a estrea está prevista para finais do mes de agosto.

Festival de curtas de Monforte
Cabello de Ángel estrearase competindo no Concurso Nacional de Curtas, que terá lugar o día 28 de agosto dentro da programación de FanCine de Lemos, o Festival de Cine Fantástico de Monforte, que se vai celebrar do 25 ao 28 de agosto.
Está previsto que teña unha duración duns sete minutos, nos que se contará a historia dunha familia dos nosos tempos. Pero o que parte da vida normal dunha familia de tres membros evoluciona de maneira que acabarán por desencadenarse unha serie de acontecementos desconcertantes e mesmo dramáticos.

Equipos técnico e artístico
O equipo técnico que traballa neste proxecto está formado por numerosos profesionais entre os que están catro antigos alumnos da EIS. Ademais de Fernando Losada, director e autor do guión orixinal,, no proxecto participan Rubén Veiga, xefe de iluminación, Fernando Vilar, director de fotografía e Karina Sánches, encargada de producción. A reponsable da adptación do guión foi Andrea Fernández.
Polo que se refire ao equipo artístico, está formado por actores como Alfonso Gallardo e Andrea San José. Tamén se contou coa participación de tres nenas que interpretaron os distintos momentos da vida da filla da parella formada por Esteban e Candela.

Sinopse da curta
Esteban e Candela son un matrimonio con unha filla. Forman unha familia de vida normal. Os dous son músicos, pero as cousas non sempre son o que parecen. Esteban é un músico mediocre e Candela, pola contra, é unha música de éxito. E iso acaba por ter as súas consecuencias. Inesperadas, emocionantes e mesmo dramáticas. A historia, narrada coa técnica de flashback, conta, con saltos no tempo, sucesos ocorridos en distintos momentos da vida desta familia, durante un periodo temporal duns quince anos.

Cabello de ángel é obra da produtora Freud Land´s Film. O creador de Esteban, Candela e a súa filla, tamén responsable da transformación da súa vida normal nunha curtametraxe de suspense é o lucense Fernando Losada, antigo alumno do ciclo de Produción da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC e, ademáis, actor e cantante do grupo musical More moans.