Deputación de Lugo

Deputación, Concello e asociacións da provincia celebran o mércores o Día Mundial do Alzheimer

- Campos e Méndez presentaron, xunto á Presidenta de AFALU e técnicos de AFA, as actividades organizadas na cidade luguesa para concienciar e reivindicar a implicación das administracións públicas na atención e investigación sobre esta enfermidade - Dende ás 17:30 horas do mércores, o centro da capital e o Pazo Provincial acollerá maxia, unha conferencia informativa, un documental e a proxección de Arrugas - Deputación e Concello de Lugo suman esforzos cos colectivos de alzheimer da provincia: AFALU, AFA Chantada, AFA Monforte e AFA Viveiro, que estarán o mércores

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Benestar, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa do Concello, Lara Méndez López, e a Presidente de AFALU, Carmen Pena Ledo, xunto a técnicos de AFA, presentaron as actividades que teñen organizadas conxuntamente na cidade luguesa para o mércores con motivo da celebración do Día Mundial do Alzheimer.

Campos Conde subliñou que “na provincia hai ao redor de 10.000 persoas que hoxe sofren esta enfermidade. O maior factor de risco para padecer Alzheimer é a idade. Se temos en conta a taxa de envellecemento da nosa provincia, en Lugo todo fai indicar que os casos irán a mais”. O Presidente sinalou a necesidade de apoiar dende as administracións públicas ás familias que padecen esta enfermidade con investimentos para o seu coidado, para investigación ou para a concienciación da cidadanía. “Quero por en valor o traballo dos coidadores, que habitúan ser os familiares e, especialmente, as mulleres, que deixan os seus oficios para adicar todo o seu tempo na imprescindible e especial atención destas persoas”, remarcou.

Lara Méndez chamou á participación dos lucenses nas actividades que se realizarán o vindeiro mércores pola visualización do Alzheimer, a primeira causa de demencia no mundo en persoas de máis de 65 anos, que afecta a unhas 600.000 persoas en España. “Para que algo sexa solucionado, ten que ser comprendido”, asegurou a rexedora, quen lembrou que se trata dunha doenza que, non só afecta ao diagnosticado, senón tamén ao entorno familiar. A concienciación e visibilización da sociedade é imprescindible. Só así conseguiremos comprendela e que dende o público se invista en solucións. Porque o Alzheimer pode chegar a ter cura e por iso non hai que escatimar nin en esforzos nin en recursos”, como a posta en marcha de centros especializados, investigación ou asistencia sanitaria, subliñou.
 
O Presidente e a Alcaldesa destacaron a colaboración de Deputación e Concello de Lugo coas AFALU, AFA Chantada, AFA Monforte e AFA Viveiro, que son todos os colectivos de Alhzeimer que hai na provincia luguesa, con investimentos directos de 50.000 euros entre ambas as dúas institucións, entre outras actuacións. Por exemplo, o organismo provincial tamén organiza talleres de memoria e financia integramente  Teleasistencia Domiciliaria e Axudas no Fogar con preto de 2 millóns de euros.  

Programación de actividades
Ás 17:30 horas.- Animación de maxia e mesas informativas sobre o alzheimer na Praza de San Marcos e arredores.
Ás 18:00 horas.- Presentación na Praza de San Marcos do vídeo realizado pola TIC sobre a enfermidade.
De 18:15 a 19:00 horas.- Conferencia Alimentación en la Enfermedad de Alzheimer no salón de actos da Deputación.
19:00 horas.- Actuación de maxia na sala de exposicións da Deputación dos magos Antón e David Méndez.
Ás 20:00 horas.-  Proxección da película Arrugas na sala de exposicións da Deputación. A longametraxe, do director Ignacio Ferreras, foi gañadora de 2 premios Goya, a mellor película de animación e mellor guión adaptado.

Ao longo da mañá do mércores, no Museo Pazo de Tor tamén se realizará o Álbum de memoria compartida, unha actividade da Rede Museística Provincial, na que se traballa a fotografía con enfermos de alzheimer.

Alzheimer
O Alzheimer caracterízase principalmente pola aparición lenta de síntomas que evolucionan ao longo dos anos. Trátase dunha enfermidade dexenerativa das células cerebrais as neuronas, de carácter progresivo e de orixe hoxe aínda descoñecido. Inicialmente prodúcese perda de memoria e desorientación temporal espacial. Nunha segunda fase, o enfermo perde fluidez na linguaxe, ten dificultades para vestirse e necesita axuda constante para realizar actividades cotiás. Na fase avanzada, a incapacidade é profunda e non se pode valer por si só. A súa personalidade experimenta alteracións irreversibles, deixa de falar, non recoñece aos seus achegados e presenta incontinencia urinaria e fecal. Así mesmo, aumenta a rixidez muscular, de maneira que vai quedando progresivamente recluído a unha cadeira de rodas e despois á cama. Ademais, aparecen outras complicacións como ansiedade, angustia, agresividade ou depresión.

O único diagnóstico totalmente seguro é a biopsia cerebral. Con todo, en raras ocasións chégase a efectuar, xa que por medio doutras técnicas, como as derivacións da neuroimaxe (TAC cerebral, resonancia magnética cerebral, spect, pet), xunto con electroencefalograma, analítica sanguínea e, sobre todo, entrevista clínica chégase a un diagnóstico moi aproximado.