Deputación de Lugo

Aprobadas as obras de 400.000 euros para o arranxo doutros 2 quilómetros na vía de Momán ás Pontes

Imaxe deputación de lugo
- O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno o proxecto de mellora e o inicio da contratación das obras entre os quilómetros 2 e 4 da LU-P-2204 - Estas actuacións súmanse ás que se executan dende o quilómetro 0 ao 2 con  240.000 euros, facendo que o investimento nesta vía supere os 650.000 euros - A Xunta de Goberno tamén resolveu a contratación de 3 lucenses no paro que comezarán a traballarán como peón gandeiro en Castroverde, camareiro en Meira e especialista en rehabilitación de pedra granítica no Incio a través do Ben Empregado

O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno o proxecto de mellora e o inicio do proceso de contratación de obras nun novo treito na estrada LU-P-2204, de Momán ás Pontes. Conta cun orzamento de 415.000 euros para o ensanche e aglomerado da calzada, e a dotación de sinalización horizontal e vertical, dende os puntos quilométricos 2 ao 4.  

Estas actuacións súmanse ás que na actualidade está a levar a cabo o organismo provincial nesta mesma estrada, concretamente entres os puntos quilométricos 0 e 2, dotadas de 240.000 euros. Este presuposto tamén é para a mellora do firme con aglomerado en quente e da sinalización.

Coas obras aprobadas hoxe, o Goberno da Deputación suma un investimento superior aos 650.000 euros no arranxo desta vía. Estas actuacións foron solicitadas polos veciños durante a elaboración dos Orzamentos Participativos. O Executivo contempla a mellora da totalidade desta estrada, que conta con 12 quilómetros, ao longo deste mandato, polo que haberá novas fases de actuacións ademais destas dúas.

Outros acordos
O Executiva da Deputación resolveu na Xunta de Goberno a contratación de 3 desempregados lucenses que comezarán a traballar noutras tantas empresas e entidades da provincia a través do Ben Empregado. Son 1 peón gandeiro para Castroverde; 1 camareiro para Meira e 1 especialista en rehabilitación de pedra granítica para O Incio.

Ademais, na sesión aprobáronse os prezos públicos de entre 6 e 12 euros dos libros A Maruxaina e outras sereas; Burela apuntes históricos y crónica del siglo XX; Por que tapan a dor con flores? e Eloxio da Terra de Miranda.