Deputación de Lugo

Preto de 800 persoas poderán participar nas actividades gratuítas da Deputación en NaturaLugo

Imaxe deputación de lugo
Son un total de 25 actividades e obradoiros que ofrecen máis de 800 prazas. Os interesados en participar nelas poderán inscribirse a partires de hoxe en www.deputacionlugo.com.

Preto de 800 persoas de todas as idades poderán participar nas actividades gratuítas que ofrece a Deputación de Lugo para a Feira Agroecolóxica NaturaLugo 2016, unha iniciativa provincial que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a partires de mañá 20 de setembro e ata o 24, e que coincidirá co XII Congreso Internacional da SEAE que por primeira vez acolle a capital luguesa, reunindo a centos de expertos chegados de todo o mundo.

Son, concretamente, un total de 25 actividades e obradoiros que ofrecen máis de 800 prazas. Os interesados en participar nelas poderán inscribirse a partires de hoxe en www.deputacionlugo.com

Dentro da programación de actividades, deseñada para persoas de todas as idades, atópanse, entre outras, obradoiro de repostería vegana; rede de sementes; obradoiro de lá; contacontos para nenos; obradoiro de lá para nenos; obradoiro de relaxación; obradoiro de vermicompostaxe; teares; obradoiro de elaboración de queixo ecolóxico; obradoiro de cestería:obradoiro de elaboración de cervexa ecolóxica; obradoiro de fiado; obradoiro de cestería ou de conservas ecolóxicas, entre moitos outros.

60 stands en NaturaLugo
NaturaLugo terá lugar na planta baixa do Pazo de Feiras e Congresos mentres na primeira se celebrará o congreso de SEAE. Na feira ubicaranse 60 stands, cuxo prezo é de 15 euros por metro cadrado, sendo moito máis vantaxoso con respecto aos custos habituais destas citas. O prazo de solicitude está aberto en info@naturalugo.com.

Concurso de tapas
Coincidindo co XII Concurso de Tapas de Lugo –que se celebrará do 9 ao 25 de setembro–, a Asociación de Hostaleiros da cidade E para comer Lugo creará unha categoría especial para premiar a ecotapa ecolóxica. Así, todos os establecementos que se inscriban nesta competición gastronómica terán a oportunidade de crear unha tapa con produtos ecolóxicos e optar ao premio que se entregará en paralelo ao Congreso e a Feira, o que permitirá, ao mesmo tempo, dar a coñecer estas actividades a todos os veciños da cidade.
Liña de autobuses
Do 20 ao 24 de setembro, Lugo converterase na capital internacional da agricultura ecolóxica coa presenza de centos de persoas especializadas do sector. Xunto ao congreso, realizaranse numerosas actividades entre as que se inclúen charlas, obradoiros, degustacións e presentacións de produtos. Aproveitando a afluencia de participantes no Congreso e en NaturaLugo, e tendo en conta ademais celebración do concursos de tapas, o Concello de Lugo habilitará unha liña especial de autobuses que recorrerá toda a cidade de Lugo.