Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación organiza unha xornada sobre xestión forestal dirixida aos 29 Concellos afectados polas novidades lexislativas da Xunta

Imaxe deputación de lugo
-A xornada vén motivada pola divulgación do proxecto de Decreto da Xunta que regula as novas repoboacións de eucaliptos e prohibe a súa plantación en 29 concellos lucenses - O enxeñeiro de Montes Juan Francisco Marey, profesor do campus lucense da USC, será o encargado de expoñer a situación actual do sector forestal e as consecuencias das novidades lexislativas que prepara a Xunta - O Presidente da Deputación participará na xornada, xunto con 27 Alcaldes da provincia que confirmaron a súa asistencia 

O Goberno da Deputación organiza o martes 14 de febreiro, no salón de actos de San Marcos, unha xornada informativa sobre ordenación forestal,dirixida aos Alcaldes da provincia, con motivo da próxima entrada en vigor do Decreto da Xunta que regula as repoboación de eucaliptos e da modificación da Lei de Montes que afecta ás condicións que deben cumprir as repoboacións forestais. 

Trátase dun encontro impulsado por Campos Conde para dar resposta ás inquedanzas e preocupacións dos 29 Concellos lucenses afectados polas novidades lexislativas, xa que o proxecto de lei traza unha liña diagonal que divide o territorio galego en dúas zonas, de xeito que permite as plantacións de eucalipto en todo o arco Atlántico e na costa levanta unha prohibición en 29 Concellos da provincia de Lugo e practicamente a totalidade da provincia de Ourense.

A xornada incluirá unha exposición da situación actual do sector forestal a cargo do enxeñeiro de MontesManuel Francisco Marey,profesor da Escola Politécnica Superior do campus lucense da USC, e contará cunha quenda de intervencións para que os Alcaldes poidan expoñer as súas dúbidas e preocupacións. Confirmaron a súa asistencia 27 dos 29 Concellos afectados: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Castroverde, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, O Páramo, Sarria, Samos, Folgoso do Courel, O Incio, Paradela, Taboada, O Saviñao, Bóveda, Pobra do Brollón, Quiroga, Chantada, Carballedo, Pantón, Monforte de Lemos e Ribas de Sil.

O sector forestal ten unha importancia estratéxica para a provincia. Lugo xera máis do 30% da madeira producida en Galicia, que á súa vez, lidera a nivel estatal a produción en toneladas de madeira. Ademais, o sector xera a metade do seu emprego nas zonas rurais, polo que constitúe un dinamizador dos núcleos de poboación do interior. Dende os Concellos reclámase unha ordenación dos recursos forestais que teña en conta as particularidades de cada distrito forestal, atendendo ao clima, ao solo e ás circunstancias dos municipios rurais.