Deputación de Lugo

Novo encontro do CB Breogán con alumnos lucenses no CEIP Manuel Mallo Mallo, promovido pola Deputación

- Os integrantes da plantilla celeste Josep Franch e Jonathan Gilling acudiron ao centro de ensino lucense onde responderon as preguntas dos alumnos e asinaron autógrafos - Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

O CB Breogán vén de realizar unha nova acción formativa, promovida pola Deputación, dentro do contrato de patrocinio que ambas entidades asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto. Deste xeito, os xogadores celestes Josep Franch e Jonathan Gilling, acompañados polo Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, mantiveron este xoves un encontro cos alumnos do CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela.

Os preto de 130 rapaces do centro educativo tiveron a oportunidade de coñecer aos dous xogadores do CB Breogán, facerlles múltiples preguntas e levarse un autógrafo dos mesmos. Ao remate do acto, Santos Ramos entregou á directora do colexio entradas dobres para o próximo encontro do club celeste no Pazo dos Deportes ante o Lleida, que terá lugar o día 4 de febreiro, para repartir entre todos os alumnos do centro.

No que resta de tempada, o club lucense realizará numerosas visitas a centros de ensino, asociacións deportivas e culturais, entidades sen ánimo de lucro, centros de menores, etcétera, de toda a provincia, coa presenza de xogadores e técnicos nas que se impartirá unha charla-coloquio sobre temas relacionados cos hábitos de vida saudables, a práctica da actividade físico-deportiva ou o baloncesto como elemento de inclusión social.

Próximo encontro programado
A próxima actividade formativa programada levarase a cabo o martes 31 deste mes, coa visita ao Colexio Nosa Señora da Asunción de Sarria. Durante este encontro tamén se fará entrega a alumnos, mestres e pais de entradas para o partido que o Club de Baloncesto Breogán disputará no Pazo ante o Lleida.

Contrato de patrocinio
A Deputación e o CB Breogán acordaron impulsar o fomento de valores sociais a través do deporte. Para iso, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos...; haberá partidos con fins benéficos, nos que se recadarán fondos para colectivos sociais; así como encontros mixtos con xogadoras da provincia; celebraranse charlas sobre o deporte como elemento de inclusión social... O equipo participara de xeito activo en campañas contra a violencia de xénero, loita contra o cancro, días solidarios ou de conmemoración, etcétera.