A Deputación ofrece a lucenses con esclerose múltiple un servizo diario de fisioterapia a través de ALUCEM

- Deputación e ALUCEM ofrecen un servizo imprescindible no tratamento desta enfermidade para compensar as limitacións de acceso á prestación do SERGAS, que conta con listaxe de espera debido á falta de recursos que destina a Xunta de Galicia
- A Deputada de Benestar informou sobre a axuda do organismo provincial nun encontro coa Presidenta e Vicepresidenta desta asociación no Día Nacional de Esclerose Múltiple. Situouse unha mesa de cuestación no Pazo de San Marcos
A Deputación ofrece a lucenses con esclerose múltiple un servizo diario de fisioterapia a través de ALUCEM, que é o único colectivo social que hai na provincia que atende a persoas con esta doenza. O Goberno Provincial destina ao mesmo unha axuda anual de máis de 10.000 euros para contratar a un fisioterapeuta que está a disposición dos 84 asociados. Deputación e ALUCEM ofrecen deste xeito un servizo imprescindible no tratamento desta enfermidade, que tenta compensar as limitacións de acceso á prestación do SERGAS por ser insuficiente, pois hai unha longa listaxe de espera debido á falta de recursos que destina a Xunta de Galicia.
A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, informou este luns da colaboración do organismo provincial con ALUCEM no encontro que mantivo coa Presidenta e Vicepresidenta deste colectivo, Rachel Feliciano e Verónica Corral, respectivamente, con motivo do Día Nacional de Esclerose Múltiple, no que se situou unha mesa de cuestación no Pazo de San Marcos. Á falta de datos oficiais por parte da Xunta de Galicia, estímase que son unhas 400 persoas na provincia de Lugo as que sofren esclerose múltiple.
“No día Nacional da Esclerose Múltiple, colaboramos coa campaña que desenvolve ALUCEM para dar visibilidade a esta enfermidade, informar á cidadanía sobre a doenza e dar a coñecer na provincia a labor que dita asociación desenvolve cos seus usuarios, é a que contribuímos dende o Goberno Provincial dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural”, subliñou a Deputada.
“É preciso que a Xunta de Galicia mellore os servizos públicos para atender a persoas con esta enfermidade, pois os que hai son insuficientes, obrigando aos colectivos sociais a buscar fondos e axuda doutras administracións, coas que ofrecer prestacións fundamentais para atención diaria das familias. É exemplo disto ALUCEM, que, coa colaboración da Deputación, ofrece este servizo diario de fisioterapia, ademais doutro de psicoloxía”.
Rachel Feliciano agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación “que axuda a garantir que os nosos usuarios reciban unha atención básica que lles permita enfrontar os brotes propios da doenza, tanto a nivel físico como psicolóxico. É necesario tamén que os doentes coñezan a labor de apoio e acompañamento que desenvolvemos dende a asociación, baseado nas experiencias persoais que vivimos as persoas que temos esta enfermidade”.
ALUCEM
A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa en toda a provincia de Lugo, na que están integrados unhas 85 persoas. Esta asociación foi creada no ano 1996 por un grupo de persoas interesadas en coñecer máis esta doenza e mellorar a investigación neste eido. Un dos obxectivos principais desta asociación é a de levar a cabo un proceso rehabilitador de todas as persoas afectadas de Esclerose Múltiple. Outro dos obxectivos que perseguimos desde ALUCEM é o de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, adecuando os recursos á súa individualidade e a un estilo de vida activo.