Deputación de Lugo

A Deputación organiza no mes de xuño cursos de cestería, tear e como novidade de calzado en coiro

-  A Deputada avanzou que “hai un total de 28 prazas dispoñibles, ás que se ofertan nos tres cursos co fin de dar resposta á demanda, e ao mesmo tempo para dar a oportunidade aos que non son  profesionais da artesanía a coñecer estes oficios”- García Porto explicou que “esta convocatoria está aberta ao público en xeral, e os interesados deben inscribirse no correo electrónico, formación.centrad@deputacionlugo.org, ou no telefono 982 21 00 66. Na web da Deputación hai un banner con toda a información”- Por 1ª vez, o CENTRAD imparte un curso de coiro coa introdución ao calzado, impartido por Ramon Lleó Fissure. Os alumnos coñecerán a parte teórica coa introdución ao calzado, mocasines, sandalias e, por suposto, con prácticas

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este xoves no Centro de Cestería do Río Rato da Deputación, a programación de verán que ofrece o Goberno da Deputación para realizar cursos de cestería, tear e, por primeira vez, de calzado coa especialidade do coiro. Celébranse ao longo do mes de xuño, tanto no CENTRAD como na sede do Centro de Cestería. No acto, estivo acompañada polos responsables dos cursos: María del Carmen Otero Folgueira que impartira cestería; Lourdes Otero Mato que será encargada de impartir o curso de tear baixo lizo, e Ramon Lleó Fissure que explicará o curso de coiro coa introdución ao calzado.

García Porto explicou que “esta convocatoria está aberta ao público en xeral, e todos os interesados en participar nos mesmos deben inscribirse no correo electrónico, formación.centrad@deputacionlugo.org, ou no telefono 982 21 00 66. Na web da Deputación xa hai un banner dispoñible con toda a información”.

A Deputada avanzou que son un “total de 28 prazas que se ofertan nos tres cursos co fin de dar resposta á demanda, e tamén para dar a oportunidade a calquera persoa, sen ser profesional da artesanía, para que poida coñecer de preto estes oficios artesanais. Polo tanto convértese nunha oportunidade única para coñecer oficios tradicionais e ao mesmo tempo supón unha boa oportunidade para poñelos en valor”.

García Porto convidou a todos os lucenses a achegarse ao mundo da artesanía. “Hoxe en día a artesanía estase consolidando como unha vía de dinamización económica e turística en toda a provincia, por iso é necesario este tipo de iniciativas que favorecen a divulgación e promoción destes oficios e, ao mesmo tempo, facilitan o relevo xeneracional”, resumiu.

Cursos en xuño

No curso de cestería os 10 alumnos coñecerán os diferentes tipos de cestas e distintos materiais como madeira ou vimbio. As datas nas que se celebrarán son dende o 18 ao 29 de xuño, de luns a venres de 10:00-14:00 horas, o lugar será o taller de cestería do Paseo do Rato da Deputación.

Lourdes Otero Mato será encargada de impartir o curso de tear baixo lizo. Nesta cita os 8 alumnos asistentes coñecerán a terminoloxía que se emprega neste oficio, as súas clases e funcións, as partes do tear e o proxecto de como realizar unha peza. Impartirase dende o 18 de xuño ao 29, dende ás 10:00-14:00 horas no CENTRAD.

Coiro coa introdución ao calzado

E por primeira vez o CENTRAD imparte un curso de coiro coa introdución ao calzado, que será explicado por Ramon Lleó Fissure. Os alumnos coñecerán a parte teórica coa introdución ao calzado, mocasines, e as sandalias. Esta cita convertese nunha boa sesión práctica para realizar o calzado que usan os participantes do ARDE LUCUS. Será impartido dende o 4 ao 13 de xuño, dende ás 10:00-14:00 horas no CENTRAD.

Inscrición

Todos os interesados poden realizar a inscrición no correo electrónico, formación.centrad@deputacionlugo.org, ou no teléfono 982 21 00 66. Os participantes nestes obradoiros deberán indicar no correo electrónico os seguintes datos; nome e apelidos, teléfono de contacto e indicar en cal das 3 programacións quere participar (coiro, cestería, ou calzado). Na páxina web da Deputación hai un banner con toda a información destes cursos. A matrícula para cada un deles é de 20 euros.