Deputación e Concello promoven a Feira de Antigüidades de Sarria na que participan 26 expositores

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, e a anticuaria, María Beltran, presentaron este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a XXIII Edición da Feira de Antigüidades San Lázaro de Sarria na que participan 26 expositores, e que se celebrará esta fin de semana. O Goberno da Deputación é a única administración que colabora co Concello na organización desta cita, cunha achega de 2.500 euros, para promover eventos lúdicos na vila e dinamizar a Comarca de Sarria.
López Izquierdo remarcou que dende o Goberno da Deputación entendemos de vital importancia promover todos os eventos que contribúan a dinamizar as nosas Comarcas. Como é o caso desta tradicional feira de Antigüidades que xa celebra a súa 23 edición. Trátase dun mercado urbano cunha zona de exposición ao aire libre que engloba coleccionismo e antigüidades. Nel pódense atopar obxectos de todo tipo, pezas de colección, antigüidades, xoias, libros, discos, mobles de diversos estilos, arte e todo tipo de obxectos de decoración.
Pilar López avanzou tamén que esta Feira contará con actividades paralelas como a exposición de coches antigos, talleres para nenos ou exhibicións de oficios tradicionais, ademais de exposicións de taller luthería medieval ou pintura. Tamén estará presente o grupo de danza e gaitas da asociación local Peleriños e Meigas e Trasgos. Ademais, sinalou que o Concello habilitará no recinto, un posto para ofrecer información sobre a Feira de San Lázaro e outros atractivos turísticos do municipio.
Maria Beltrán explicou que este ano o espazo xove do recinto esta adicado a hostalaría coa recreación dun café-concerto con mobiliario antigo e no que haberá ademais actuacións musicais en directo. Neste recinto poderase degustar tamén produtos típicos da Comarca de Sarria, como o queixo ou porco celta.
26 expositores na feira
O evento terá lugar os días 7 e 8 de abril, nas rúas do Porvir e Marqués de Ugena no casco histórico da vila. A Rúa do Porvir é tamén coñecida como rúa dos anticuarios pola gran presenza de tendas deste sector, as cales estarán abertas ao público durante a feira. O recinto feiral estará aberto dende ás 11:00 ata 20:00 horas.
Nesta edición da Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro reuniranse 26 expositores procedentes de toda Galicia, cun ampla representación de anticuarios sarrianos, o resto proceden de distintos puntos de Galicia como Lugo, A Estrada, Arteixo, Verin ou Ourense, entre outros, e haberá ademais representación da cerámica de Barcelos (Portugal).
Obradoiros, exposicións e coches antigos
Durante esta feira haberá obradoiros infantís na Casa de Cultura de cestería, colgantes, bisuteria ou xogos, así como exposición de maquetas de pedra, ferro, bolillos, bordados e cabezudos. E actuacións musicais. No recinto feiral os visitantes tamén poderán desfrutar de exposicións e demostracións de oficios tradicionais como talla de madeira, de pintura, luthería, así como outras exhibicións como coches antigos.