Deputación de Lugo

O inicio da reestructuración do INLUDES marca a redución do seu Orzamento para 2012

O Consello Reitor aprobará o vernes o Presuposto de 8,1 millóns de euros que ten por obxectivo fixar poboación, potenciando o sector primario, a economía verde e o empregoXunto á reestructuración do INLUDES que supón o recorte en gastos de persoal e o cambio de xestión dos fondos europeos, redúcense en 600.000 euros os gastos correntesLara Méndez destaca que continuarán as obras do Centro de Recría malia que a Xunta, administración galega con competencias directas en medio rural, non se sume ó proxecto

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou hoxe que o Consello Reitor do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social –INLUDES- aprobará este venres o seu Orzamento para 2012 que suma 8.128.6122 euros. Méndez explicou que o inicio da reestructuración do organismo dependente da Deputación marca a redución do presuposto nun 22,73%, é dicir, preto de 2,4 millóns de euros menos que en 2011. Ademais, subliñou que o obxectivo das contas do INLUDES para o vindeiro ano será contribuír a fixar poboación, potenciando o sector primario, a economía medioambiental e o emprego.

A Deputada indicou que un dos compromisos para este novo mandato é a reestructuración do INLUDES na que se está a traballar. Mostra delo, é que dende a toma de posesión do Corporación provincial unha vintena de traballadores do Instituto foron trasladados “co fin de reforzar outros servizos que consideramos esenciais cara os Concellos e a cidadanía”. Trátanse dos departamentos de Intervención, onde se mellorará a axilidade do pago de facturas logo de reducir o seu prazo ata os 25 días; o de Contratación, para gañar tamén en rapidez; así como das áreas de Cooperación cos Concellos e Fondos Europeos. A Vicepresidenta avanzou que “nos vindeiros meses, froito dunha política consensuada cos Sindicatos, afrontaremos de xeito progresivo un grande reestruturación do INLUDES para gañar eficiencia e utilidade. Isto leva consigo, a redución dos gastos de persoal para o vindeiro ano nun 7,02%, máis de 300.000 euros”.

O proceso de reestructuración supón ademais, o cambio de xestión dos Fondos Europeos que, durante o primeiro mandato, foron asumidos polo INLUDES e que agora, corren a cargo directamente da Deputación. É por elo, que se segue a trasladar o persoal cualificado ás instalacións do Pazo de San Marcos. No Orzamento do Instituto para 2011, a execución do Pacto Provincial polo Emprego, o Innova-TE e o Parnet-TIC supuxo unha partida de 1,3 millóns de euros.

A este respecto, Méndez destacou que “a Unión Europea vén de premiar o traballo desenvolto ata o momento, concedéndonos preto de 18 millóns de euros que nos converteron na 5º entidade local en España que máis fondos comunitarios recibe. Vimos de captar o 30% do total dos fondos que recaeron en Galicia, fronte ó 15% que acadamos na convocatoria anterior. Ademais, fomos a única Deputación galega á que non lle rexeitaron nin un só proxecto. Isto permitiranos reforzar as liñas de traballo iniciadas, que son a creación de emprego e de novas oportunidades económicas medioambientais, así como o desenvolvemento tecnolóxico na provincia; mediante a execución de novas iniciativas por un valor total de 25 millóns de euros que, agora, xestionaremos dende a Deputación”.

600.000 euros menos en gastos correntes

O Orzamento do INLUDES tamén contempla unha “drástica redución dos gastos correntes, unha partida que baixa en preto de 600.000 euros, froito das políticas de aforro que estamos a levar a cabo”. A Vicepresidente exemplificou coa unificamos da brigada de mantemento que antes se atopaba diversificada nos diferentes organismos dependentes da Deputación, obtendo un único equipo de 20 traballadores que se ocupan do mantemento dos pavillóns de Santa María ou dos novos xardíns de San Marcos, evitando a contratación de empresas exteriores; coa instauración dun novo contrato de Telefonía e de liñas ADSL, reducindo o gasto destes servizos nun 40%; a supresión dos papeis timbrados do oficio, é dicir, o empregado para cartas ou informes, evitando un desembolso anual de 20.000 euros; ou co recorte nun 25% o gasto en consumibles informáticos (tintas para impresoras ou subministros de almacenamento de arquivos como CDs ou DVs) co Innova-TE.

Loita decidida contra a sangría demográfica

A Deputada subliñou que frear a sangría demográfica é o obxectivo do Orzamento do INLUDES para 2012, promovendo iniciativas que potencien o sector primario, a economía medioambiental e a creación de emprego. Neste senso, lembrou a gravidade do despoboamento que sofre a provincia de Lugo, “que perdeu na última década 18.000 habitantes e, segundo as proxeccións do Instituto Nacional de Estatística en 2021 terá 25.500 persoas menos, é dicir, o 7% da poboación luguesa”. Neste senso, reivindicou a necesidade de que administracións e cidadanía reaccionen e combatan esta tendencia, lembrando que a Deputación “se converteu na primeira institución española en ter unha área específica en demografía: a de Emprego, Economía Sostible e Demografía; ó igual que fomos os primeiros en dar a voz de alarma en Galicia logo da celebración do congreso Lugo Reacciona, un debate do que xurdiu un grupo de traballo estable que combata o despoboamento dende a FEGAMP, e no que prestixiosos expertos de toda a comunidade propuxeron solucións, entre elas: potenciar o sector primario, a economía medioambiental e o emprego”.

Centro de Recría

Tendo en conta que Lugo é unha provincia “100% rural e o seu futuro está no campo”, a Deputación continuará a través do INLUDES promovendo iniciativas en favor deste sector, entre elas, avanzará na construción do primeiro centro público de recría de gando vacún en España na Granxa Gayoso Castro. “Estamos a executar a primeira fase destas obras, dotadas de 6 millóns de euros, levantando agora as 13 naves de recría, que teremos listas en febreiro. Estas infraestruturas acollerán a 3.000 novillas, é dicir, triplicarán a capacidade de recría existente en Galicia, aforrando numerosos custes ós gandeiros que hoxe se ven na obriga de levar fóra da Comunidade as súas novillas, desembolsando uns 300 euros por cabeza”, asegurou Lara Méndez, engadindo que estas actuacións “avanzan a moi bo ritmo, logo de estar bloqueadas durante un ano no que a Xunta de Galicia non nos concedeu a Declaración de Impacto Medioambiental imprescindible para iniciar os traballos”.

Unha vez rematada a primeira fase das obras, iniciarase a segunda, dotada doutros 6 millóns de euros e que consiste na urbanización, equipamento interior das naves e instalación da estación depuradora, permitindo que o Centro sexa autosuficiente, é dicir, con capacidade para xestionar o 100% dos residuos que se xeren, converténdoos en enerxía. “Dixémolo dende un principio, o Centro de Recría vai a ser unha realidade si ou si, a pesares de que a administración con competencias directas no medio rural en Galicia non colabora co que é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo en Galicia. Dende o primeiro momento, propuxémoslle ó Goberno galego coñecer a nosa iniciativa. Fixemos esta petición ata en 8 ocasións. Primeiro ó Presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e máis recentemente ó Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, logo de que Feijóo delegase nel. Levamos máis de 2 anos e medio esperando unha resposta”, indicou a Deputada.
Ademais, segundo anunciou Méndez, as contas do INLUDES contemplan 2,3 millóns de euros para outras iniciativas que potencien a agricultura, a gandeiría e a pesca; 1,7 millóns para iniciativas medioambientais “coas que seguiremos facendo do medioambiente a oportunidade económica de Lugo”, e 200.000 euros para actividades de formación dirixidas a desempregados, así como para potenciar proxectos empresariais.

Deseño e Artesanía, unha área específica

Así mesmo, mantense o presuposto dedicado ó Centro de Artesanía e Deseño, que pasou a ser un área específica da Deputación, que xa non dependerá do INLUDES “unha vez que rematemos coa reestructuración progresiva que estamos a levar a cabo xunto cos sindicatos”, afirmou Lara Méndez. O organismo provincial investirá 1,6 millóns de euros no impulso da artesanía e o deseño.