Deputación de Lugo

A Área de Cultura da Deputación e a Consellería de Cultura implicaranse na resolución dos problemas estructurais xerados polas intervencións na escola habanera de Santaballa-Vilalba

As escolas habaneras das comarcas do norte de Lugo son, aínda hoxe, un elemento fundamental para o mantemento do tecido asociativo cultural e deportivo

A escola habanera de Santaballa rematouse no ano 1917 e foi impulsada pola Liga Santaballesa de Educación e Instrución que se xestou na cidade da Habana no ano 1907 O edificio da escola habanera da parroquia vilalbesa de Santaballa atópase, tras a última intervención realizada no edificio, nun estado de inestabilidade estrutural que fai perigar a integridade deste edificio que foi rematado de construír no ano 1917. Recentemente o lousado do edificio foi substituído nunha intervención que provocou a actual inestabilidade estrutural do edificio. Este edificio responde a unha tipoloxía arquitectónica e construtiva de grande calidade, que recentemente soportou intervencións desafortunadas que provocaron, que na actualidade, a estrutura do edificio, non se comporte construtivamente como foi pensado na súa orixe. O vicepresidente primeiro da Deputación e o Responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo visitaron, xunto con membros da Liga Santaballesa e técnicos da oficina de rehabilitación de Vilalba, este edificio centenario para coñecer de primeira man cales son os problemas que afectan ao edificio e as posibles solucións. A área de Cultura da Deputación e a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza destinarán fondos para darlle unha solución inmediata á escola habanera de Santaballa e evitar que o edificio poida sufrir danos irreversibles. A solución pasará pola eliminación da capa de morteiro aplicada na última intervención feita na cuberta. Tras a retirada desta capa de morteiro adoptarase unha solución construtiva que teña en conta os aspecto funcionais, estruturais e enerxéticos da nova situación do edificio. COMPROMISO DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN CO PATRIMONIO Na visita o vicepresidente primeiro da Deputación, Anton Bao, e o Responsable da Área de Cultura,Antonio Veiga, anunciaron o seu compromiso coas entidades asociativas e culturais para a recuperación e mantemento do patrimonio material e inmaterial. Bao informou que a Área de Cultura da Deputación destinará axudas para a recuperación do noso patrimonio e para o mantemento de elementos singulares da nosa cultura. Aproveitando esta visita os responsables do goberno da Deputación explicaron a filosofía do que será a política da Área de Cultura neste aspecto. Segundo o vicepresidente primeiro Antón Bao a escola habanera de Santaballa é un claro exemplo do noso patrimonio arquitectónico e cultural que, ademais do propio valor e interese do edificio, cumpre unha función social aglutinadora no entorno social no que está situada. Entre outros moitos elementos da nosa arquitectura as escolas habaneras construídas a finais do século XIX e principios do XX en moitos dos concellos das comarcas do norte de Lugo teñen un especial interese pola utilización social que manteñen na actualidade. As escolas habaneras foron un elemento fundamental, impulsado desde as sociedades galegas na emigración, para achegar aos galegos e galegas unha formación básica que serviu para impulsar o noso país. Estas sociedades instauradas na Galiza exterior enviaron a través das escolas habaneras uns medios e coñecementos que aínda hoxe serven para manter un tecido asociativo que dinamiza a vida cultural e deportiva en moitas parroquias do norte de Lugo. Tanto Bao como Veiga coincidiron en sinalar que un dos principais obxectivos da Área de Cultura da Deputación é o de poñer á disposición dos colectivos culturais e dos concellos os medios necesarios para manter e recuperar aqueles elementos que poidan incidir na valorización do noso patrimonio histórico-artístico e na potenciación do tecido asociativo no medio rural. INTERVENCIÓNS ERRÓNEAS EN SANTABALLA Segundo explicaron os membros da Liga Santaballesa e os técnicos o edificio soportou recentemente unha das intervencións máis traumáticas no que se refire ao seu comportamento estrutural. Na cuberta do edificio, co fin de obter un mellor illamento, realizouse unha obra que está a causar lesións de importancia no edificio que a día de hoxe aínda non están estabilizadas e probablemente continúen a agravarse. O material orixinal de cubrición foi substituído por outro novo de lousa xeometricamente perfecta, ista obra, pouca afortunada, trouxo como consecuencia provocar unha imaxe estética do lousado discordante co resto do edificio. O máis grave da intervención foi un importantísimo incremento de peso sobre a estrutura do edificio ao facer unha regularización do plano da cuberta con morteiro para a colocación da nova lousa. Esta capa de morteiro aplicada sobre a estrutura orixinal que soporta a cuberta do edificio chega a ter un espesor de case 15 cm. en algúns puntos. Estímase que esta aplicación de morteiro para substituír o lousado orixinal polo novo supuxo un incremento de peso sobre a estrutura dun 170% sobre a situación orixinal. Esta sobrecarga provoca inmediatamente unha deformación da estrutura da cuberta con notables desprazamentos que se traducen na aparición de gretas na parte superior da fachada do edificio. Ademais houbo outras obras no edificio que afectaron á estética do edificio como a alteración da fachada posterior cunha construción adosada de formigón armado que rompeu coas proporcións orixinais do edificio, o troco da carpintería de madeira por outra de aluminio, a introdución de elementos discordantes como aparellos de medición de electricidade e cableados exteriores. Outra das intervencións que alterou gravemente a estética do edificio foi a substitución da galería que lucía na fachada posterior. UN POUCO DE HISTORIA A escola habanera de Santaballa foi impulsada pola Liga Santaballesa de Educación e Instrución que se xestou na cidade da Habana no ano 1907 co fin de facilitar educación aos nenos e nenas da parroquia vilalbesa de Santaballa e dos seus arredores. Segundo reza en escritos da época a construción da escola foi posible grazas á contribución dos veciños que doaron os terreos, materiais e man de obra. A Liga Santaballesa de Educación e Instrución na habana aportou os fondos necesarios e o proxecto arquitectónico que fixo posible a existencia deste excepcional edificio que se rematou de construír no ano 1917. O deseño e a calidade das madeiras que soportan a estrutura da cuberta son, aínda hoxe, un exemplo extraordinario a nivel arquitectónico.