Deputación de Lugo

O CENTRAD desenvolve a programación de verán formada por 20 cursos de máis de 670 horas de formación

Imaxe deputación de lugo
Ademais da cestaría, a oferta formativa do Centro de Artesanía e Deseño inclúe as modalidades de xoería, téxtil e vidro
170 rapaces maiores de 8 anos participarán nos obradoiros que se prolongarán ata o vindeiro mes de outubro
A cestaría de roten e vimbio, centra o curso que se desenvolve dende hoxe ata o 16 de xullo no Centro do río Rato

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, continúa a desenvolver a programación de verán formada por un total de 20 cursos, pertencentes ás modalidades de cestaría, vidro, xoería e téxtil. Nos obradoiros, que se desenvolverán ata o mes de outubro, participarán unhas 170 persoas. Dispoñen de 677 horas de formación. Están dirixidos principalmente a rapaces maiores de 8 anos e todos partirán do nivel de iniciación. Nestes momentos, xa se impartiron 8 destes obradoiros e son os seguintes: na modalidade de cestaría: canistrelos e cestos mixtos; iniciación á cestaría de palla (nocturno), cestaría de esparto: pleita aplicada a apartadores; en vidro: esculturas en vidro; e en téxtil: tecido de alfombras en alto lizo, feltro aplicado a tecidos-nuno-, e shibori. O obxectivo dos cursos é involucrar os máis pequenos para poñer en valor dende unha curta idade os oficios artesanais e, evitar así, que estes esmorezan co paso do tempo. A inscrición pode realizarse ata dous días antes do comezo de cada acción formativa, chamando ó número de teléfono: 982 21 00 66, ou a través do fax: 982 21 90 14. Os cursos de cestaría impártense no Centro do río Rato e o resto nos pavillóns do CENTRAD. Cestaría de roten e vimbio A introdución á cestaría de vimbio e roten centra o curso que se inicia hoxe, e que se prolongará ata o vindeiro venres, 16 de xullo, no Centro de Cestaría do río Rato. No mesmo, participarán rapaces maiores de 8 anos. Os alumnos coñecerán varias técnicas de iniciación con un e dous fíos para facer todo tipo de pezas en vimbio e roten que eran empregadas antigamente para o uso cotiá. É o caso dos cestos para recoller patacas. É o primeiro dos catro cursos que se imparten desta modalidade, e nos que participarán un total de 32 alumnos. Contan con 160 horas de formación e desenvolveranse en horario de 16:30 a 20:30 horas. Serán impartidos pola artesá Mari Carmen Otero.