Deputación de Lugo

Gómez Besteiro supervisa o inicio de novas obras do canon de Chantada

Esta mañá comezaron os traballos de outras 3 pistas que se inclúen no proxecto de rexeneración de vías rurais dotado con máis de 1 millón de euros

Logo de que o Presidente da Deputación e o Alcalde chantadino asinasen o convenio, organismo provincial prestará asesoramento ó Concello de Chantada en materia de recursos humanos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes as obras da primeira fase do Plan do Canon de Chantada 2009. Gómez Besteiro comprobou o estado dos traballos correspondentes a mellora de 6 pistas das 15 que se contrataron na Xunta de Goberno do 8 de maio, e que se inclúen no proxecto de rexeneración de vías rurais, dotado con máis de 1 millón de euros. No día de hoxe, a empresa iniciou as que comunican Vigo de Maríz con Paderne, Paderne coa estrada comarcal 533, e a que vai de Garabelos a Paderne. O pasado venres comezaron outras 3, dúas que enlazan a localidade de Vigo coa de Paderne e, a terceira, que comunica Paderne coa LU-213. Gómez Besteiro destacou que “por fin se fai xustiza con este Concello e cos veciños de Chantada. A Deputación de Lugo cumpre unha vez máis e salda unha débeda histórica que se remonta ó ano 1991. Trátase, por tanto, do maior investimento realizado neste Concello, polo que non só é unha actuación histórica, senón tamén un investimento necesario e moi demandado polo cidadáns que tiveron que sofrir como a anterior Deputación lles deu durante anos as costas”. Na visita cos veciños, o máximo mandatario provincial subliñou que “esa rexeneración serve para dignificar a vida no medio rural, sobre todo, nesta zona na que as comunicacións son necesarias por motivos vitivinícolas e de turismo”. Outras actuacións Logo de que se aprobase a súa contratación na Xunta de Goberno do 8 de maio, a Deputación tamén levará a cabo outros proxectos como o saneamento do núcleo de Viana, ó que se destinan 16.143 euros, e a reurbanización do polígono dos Acivros, na que a Deputación inviste 45.226 euros. A institución provincial tamén adquirirá os terreos para a depuradora por valor de 150.000 euros. A outra actuación beneficia ó Campo de fútbol de Sangoñedo con 169.389 euros. “En tres anos este Concello recibirá preto de 5 millóns de euros para investimentos destinados á obra pública. Este Plan foi consesuado, e non imposto, co que se cumpren os desexos dos veciños a través do Concello”, engadiu Besteiro. Asesoramento en recursos humanos O Presidente da Deputación e o Alcalde tamén asinaron o convenio que establece que o organismo provincial prestará asistencia ó Concello de Chantada en materia de persoal e de recursos humanos, así como na elaboración da Relación dos Postos de Traballo municipal. Gómez Besteiro subliñou que “quero destacar un dato: só facer un Relación de Postos de Traballo nos 11 Concellos cos que subscribiremos o acordo suporá un custe para a Deputación de 500.000 euros. Pero para nós isto é unha inversión”. A provincia conta con 5.286 empregados públicos nas entidades locais, pero tan só o Concello de Lugo e a Deputación dispoñen dun departamento de Recursos Humanos para xestionar este capital humano. Ademais, un terzo do persoal está pendente de regularizar. Chantada dispón de 87 traballadores, dos que 65 son laborais e 22 funcionarios administrativos.