Deputación de Lugo

Membros de Proxecto Home e estudantes de Castro Riberas de Lea percorren a Reserva Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
A vindeira semana, estudantes da Coruña e integrantes dunha asociación viguesa coñecerán a riqueza medioambiental da zona

Membros do Proxecto Home e estudantes de Castro de Rei coñecen estes días a Reserva da Biosfera Terras do Miño, así como o Centro de Interpretación do río Rato. Hoxe, 15 integrantes de Proxecto Home participaron nunha visita guiada, na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosaron ós participantes a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Mañá, 43 alumnos do IES de Castro Riberas de Lea visitarán as Insuas do Miño, incluídas neste espazo natural. A vindeira semana, estudantes de Portomarín e do colexio La Grande Obra de Atocha da Coruña, así como membros da asociación de Voluntariado Ambiental Fontaiña de Vigo coñecerán o contorno do Paseo do Rato. Con estas visitas, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera en 2002. Os escolares tiveron a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.