Deputación de Lugo

Gómez Besteiro cumpre o prazo de apertura para a adhesión dos Concellos ó 'Lugo Emprega'

Imaxe deputación de lugo
As entidades locais terán, dende hoxe, un prazo improrrogable de sete días para sumarse á iniciativa, que remata o 5 de xaneiroO Presidente dá a coñecer o listado co número exacto de traballadores que lle corresponde a cada Concello dentro desta iniciativa, dotada con 8 millóns de euros, e na que se contratarán a 711 desempregadosSegundo os criterios poboacionais do Plan, nos municipios gobernados polo PP investiranse preto de 3,2 millóns; nos do PSOE algo más 3,5; nos do BNG preto de 800.000 e nos rexidos por grupos independentes máis de 255.000 euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deu a coñecer este mércores o listado co número exacto de traballadores que se contratarán en cada Concello dentro do plan “Lugo Emprega”, que foi aprobado onte polo Pleno e co que o organismo provincial reducirá o número de parados na provincia ó tempo que incrementa a cooperación cos Concellos. Asimesmo, Gómez Besteiro anunciou que esta mesma mañá o organismo provincial meteu nos Rexistros dos 67 Concellos da provincia a comunicación oficial para que estes se adhiran a esta ambiciosa iniciativa, dotada con 8 millóns de euros, e coa que se dará traballo a 711 desempregados durante seis meses. As entidades locais terán, dende hoxe, un prazo improrrogable de sete días para sumarse á iniciativa, de tal xeito que o prazo para formalizar a solicitude remata o 5 de xaneiro. Deste xeito, o máximo mandatario provincial cumpre a palabra dada no día de onte ós integrantes do Pleno.

Todos os Concellos contarán cun mínimo de 4 efectivos, de tal xeito que o máximo de traballadores, un total de 73, asignaráselle ó Concello de Lugo, que representa un 10% do Plan. O perfil dos contratados serán, fundamentalmente, operarios municipais que prestarán o seu servizo en labores de mantemento, conservación e mellora dos servizos públicos de carácter local.

Neste senso, de acordo cos criterios obxectivos que seguiron para a posta en marcha do Plan -a porcentaxe que representa a poboación de cada un dos municipios en relación coa total da provincia, excluíndo ó da capital- a distribución dos traballadores é a seguinte:

1.- Concellos gobernados polo Partido Popular: son 35 e suman 110.795 habitantes. En total, contrataranse 289 parados, o que supón un investimento de 3.146.671 euros.

2.- Municipios liderados polo PSOE. Son un total de 25 e contan con 200.022 habitantes. Nese caso, a contratación ascende a 326 desempregados e o orzamento é de 3.544.426 euros.

3.- Nas entidade locais rexidas polo BNG, un total de 5, o numero de contratados será de 45. O investimento é de 792.845 euros e o número de habitantes de 37.664.

4.- Nos Concellos gobernados por grupos Independentes, actuarase en 3, que suman 7.078 habitantes. Neste caso, investiranse 255.567 euros na contratación de 23 parados.

“Distribución democrática”
Gómez Besteiro destacou que “é un plan para toda a provincia, xa que nestes momentos o que toca é compartir, polo que é unha satisfacción que os 67 Concellos reciban unha distribución absolutamente democrática. Esperemos que este exemplo cunda noutras administracións porque pronto veremos novos plans de cooperación e pediremos que se así se faga, xa que de non ser así terannos frontalmente en contra para denunciar como se executan as políticas nunhas administracións e como se fan noutras. Eu creo que a mellor proba do algodón serán as adhesións que se terán que producir en sete días. Produciranse dous fenómenos: ou non haberá adhesións a este convenio, co cal se entende que o desemprego non lle preocupa ós Alcaldes dos Concellos que non se sumen, ou se a resposta é positiva por parte de todos, haberá algúen que quedou desautorizado”.

O Plan, estará operativo a finais de xaneiro. A contratación dos traballadores establece as seguintes condicións: no caso dos municipios de máis de 5.000 habitantes e con máis de 500 persoas en paro, a Deputación asume o custe total da contratación, mentres que as entidades locais encargaranse da selección dos traballadores, formalización dos contratos e adxudicación de destino co material necesario correspondente.

Nos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de medio milleiro de desempregados, o organismo provincial non só financia a contratación, senón que realiza a selección dos traballadores porque os Concellos pequenos non dispoñen de todos os recursos para facelo.

A Deputación realiza este investimento millonario sen aumentar a débeda pública. Permitirá, ademais, a creación do obradoiro de documentación “Os Arquivos do Pazo”, que estará a pleno rendemento a finais de febreiro e será responsable da catalogación e dixitalización da documentación deste departamento.