Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo promociona en Asturias a Reserva da Biosfera Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
A exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” estará esta fin de semana na Casa da Cultura de Vegadeo

O deputado delegado da Área de Medio Ambiente, Ricardo Parada, acompañado de Laura Vázquez Janeiro, bióloga do INLUDES, presentaron este sábado en Vegadeo (Asturias), coincidindo coa celebración das Xornadas sobre a Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”, a exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra- Támoga. O Programa LIFE-Natureza”. A mostra amosa a labor realizada polo INLUDES, organismo dependende da Deputación Provincial, en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. A través de paneis ilustrativos, debuxos e fotografías, a exposición amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. Durante os vindeiros días a exposición permanecerá na Casa da Culutura de Vegadeo. A mostra foi inaugurada no ano 2005, converténdose nun dos obxectivos do programa LIFE-Natureza, proxecto piloto da futura xestión da Reserva Terras do Miño. Desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo co gallo da celebración do seminaro “A Rede Natura 2000 a debate” e no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia no Concello fonsagradino. A mostra consta de paneis de interpretación, aparellos de pesca, batuxo e dunha proxección audiovisual, así como dunha visita guiada coa que se dará a coñecer os valores etnográficos e ambientais da Biosfera. Unha vez rematada a estancia no concello asturiano a exposición continuará o percorrido polos distintos municipios da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.