Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación senta as bases para desbloquear a situación do parque de
bombeiros de Barreiros

Gómez Besteiro confirma que os orzamentos da Deputación do 2008 contemplarán unha partida para a posta en marcha deste servizo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este martes cos alcaldes da Mariña –Ribadeo, Foz, Barreiros, Alfoz, Trabada, A Pontenova, Mondoñedo, Riotorto, Lourenzá e O Valadouro- implicados na posta en marcha do parque de bombeiros de Barreiros. Gómez Besteiro agradeceu a posición do Concellos na posta en marcha do parque comarcal de bombeiros de Barreiros para logo iniciar as conversas con Presidencia. “Quero agradecerlles a posición adoptada para a posta en marcha desta infraestrutura que prestará servizo ós veciños desta parte da provincia”, indicou o Presidente provincial. Gómez Besteiro explicou que o que se fixo foi unha “análise obxectiva da situación dos parques comarcais de toda a provincia, aínda que se comezará, por cuestión de eficiacia, polo de Barreiros porque xa está construído”. Neste senso, o máximo mandatario provincial anunciou que nos orzamentos do vindeiro ano se incluirá unha partida na que se contemple o funcionamento deste servizo. Na xuntanza, os dez alcaldes dos Concellos implicados, transmitíronlle ó Presidente provincial a necesidade da posta en marcha do parque comarcal, xa que “mellorará a prestación ós cidadáns”. Gómez Besteiro, indicou que, aínda que non se trata dunha decisión firme, estudarase a posibilidade de que os Concellos non participen no financiamento e na xestión do servizo. Na reunión, que se enmarca no obxectivo da Deputación de poñer en valor as necesidades dos Concellos, coñecendo as súas preocupacións, sentáronse as bases para desbloquear a situación de parálise na que estaba o parque barreirense. Gómez Besteiro indicou que agora “hai que planificar axeitadamente os investimentos porque non todos os parques da provincia levan o mesmo ritmo”. “Xuntanza positiva” O Alcalde Barreiros, Alfonso Fuente Parga, expresou a necesidade de que a posta en marcha do parque comarcal se faga efectiva canto antes. “Existían uns Estatutos que se aprobaron nos Plenos do Concellos, pero había bloqueo da Deputación neste asunto, polo que pedimos que non se retrase ningún día máis”. Pola súa banda, o rexedor de Foz, José María García Rivera, indicou que a situación de bloqueo do parque comarcal de Barreiros é o maior problema da comarca da Mariña. “Na reunión sentáronse as bases para desbloquear este asunto. Queremos que se desenvolva nun marco xusto. Estamos satisfeitos porque hai avance coa Deputación Provincial. Esperamos a mellor solución e a máis xusta para a cidadanía”. Nesta liña, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, calificou de “positivo” o encontro no que se abordou “un tema que levaba enquistado durante anos”. Neste senso, o rexedor ribadense indicou que “xa non hai obstáculos xurídicos que impidan que a primeiros de ano o parque barreirense poida iniciar a súa actividade”. Regulamento Orgánico Gómez Besteiro anunciou, ademais, que a finais da semana que vén se lle entregará un borrador do novo regulamento orgánico da Deputación a cada grupo político. “Deste xeito, dáselle cumprimento á miña promesa manisfestada no último pleno”, indicou o Presidente provincial. Gómez Besteiro, situou os últimos días da vindeira semana como as datas para que o borrador este listo, para logo, dixo, “poidamos iniciar o debate do propio Regulamento”. Recepción ós alcaldes O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu ós alcaldes mariñanos no Salón de Xuntas do Pazo de San Marcos. Os invitados recibiron un exemplar do libro de Pazo e Señoríos que edita o organismo provincial.