Deputación de Lugo

A modalidade de “cestería de vimbio cosida” centrará o próximo curso do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
O obradoiro, que será impartido polo artesán Carlos Fontales, desenvolverase desde o 25 ó 29 de febreiro

A modalidade de “cestería de vimbio cosida” centrará o quinto curso da programación de inverno do Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo. Desde o 25 ata o 29 de febreiro os asistentes, ademais dunha correcta identificación dos materiais e das ferramentas, aprenderán distintas variantes da técnica de espiral cosida e da preparación manual de tireta de vimbio branca para elaborar un costureiro seguindo as indicacións establecidas para cada técnica. O curso, dotado de 20 horas, é impartido polo artesán Carlos Fontales en horario de 16:00 a 20:00 horas no Centro de Cestería do río Rato. Consta de 10 prazas e está dirixido a cesteiros, artesáns e ó público en xeral. Esta actividade inclúese dentro da programación do CENTRAD para o ano 2008. Obradoiros portátiles Os obradoiros portátiles de tapiz, cestería e instrumentos musicais destinados a escolares de Primaria e Secundaria organizados tamén polo CENTRAD continúan o seu percorrido polos distintos colexios da provincia. Deste xeito, desde o 25 ó 28 de febreiro os alumnos do CEIP de Castroverde terán a oportunidade de descubrir un dos oficios máis antigos da provincia, a cestería. Pola súa banda, desde o vindeiro luns ata o mércores, día 28, será a quenda dos escolares do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo. No primeiro caso, os alumnos coñecerán as principais técnicas para a elaboración de instrumentos musicais e, no segundo, aprenderán os usos do tapiz e o seu manexo. O obxectivo destes obradoiros é recuperar os oficios artesanais desde a etapa escolar dándolles ós rapaces a oportunidade de aprender e coñecer oficios de grande tradición na provincia. 35 colexios serán os destinatarios destes cursos organizados polo Centro de Artesanía e Deseño. Esta semana semana foi a quenda do CEIP As Mercedes e Colexio Galén de Lugo, así como do IES A Pinguela de Monforte e do CEIP A Pontenova.