Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asiste á reunión da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)

Imaxe deputación de lugo
Na xuntanza participarán os respresentantes doutras 25 Deputacións de España

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará na reunión que se celebrará mañá mércores na sede da Federación Española e Municipios de Provincias e na que participarán os representantes doutras 25 Deputacións de España. Na xuntanza abordaranse os eixos básicos que guiarán o desenvolvemento de actuacións que parten das resolucións que foron aprobadas na IX Asamblea Xeral da FEMP, así como o tema do financiaciamento das Facendas Locais e a nova Lei de Réxime Local. Asimesmo, reflexionarase sobre o papel que desempeñan as Deputacións no século XXI, xa que estas administracións posúen unha forte carga histórica e unha ausencia dun marco lexislativo que articule as competencias e recursos dos gobernos intermedios. Neste senso, plantearase que papel teñen que desenvolver a Deputacións para ser útiles, en que servizos se deben especializar, e porase de relevo que a súa función debe basearse en ofrecer ós Concellos instrumentos técnicos e solucións operativas ós problemas que plantexen. Tamén se aprobará a proposta do Plan de Traballo da Comisión de Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares que ten como obxectivo reforzar institucionalmente as Entidades intermunicipais como administracións garantes do exercicio das competencias municipais en cada provincia. Na orde do día tamén se informará sobre a Estrutura Presupostaria das Entidades Locais segundo o Borrador de Orden Ministerial de 2008, así como o informe sobre as negociacións que se están levando a cabo coa Sociedade Xeral de Autores e Editores (SXAE) para a revisión e mellora do Convenio de Colaboración suscrito en outubro de 1996, e sobre o SATI (Servizo de Asesoramento Técnico e Información), que actúa para solventar cuestións que preocupan ás Corporacións Locais en relación co desplegue da telefonía móbil tanto nos aspectos xurídicos, tecnolóxicos e medioambientais. Outros dos temas que se tratarán versarán sobre a REDE de Gobernos Locais BIODIVERSIDADE 2010 (sección da Federación Española de Municipios e Provincias adicada á promoción de políticas locais para a conservación e uso sostible da biodiversidade e a conservación do patrimonio natural) e sobre os aspectos de financiamento das Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares. Na reunión tamén participarán os Presidentes das Deputacións de Barcelona, Valladolid, Ourense, Menorca, Badaxoz, Huesca, Cidade Real, Lleida, Xaén, Burgos, Guadalaxara, Segovia, Cáceres, Almería, Teruel, León, Mallorca, Palencia, Granada, Tarragona, Alacante, Albacete, Valencia, Tenerife e Sevilla.