Deputación de Lugo

Os Presidentes da Deputación de Lugo e Xunta de Galicia iniciaron as negociacións para desbloquear a transferencia dos hospitais

Reunión dos Presidentes da Deputación e Xunta de Galicia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, foi recibido esta mañá en Monte Pío polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, para desbloquear políticamente varios asuntos en beneficio da provincia e iniciar unha relación “de normalidade, lealdade mutua e cooperación intensa”, como a definiu o responsable do Executivo Galego. Ámbolos dous líderes desbloquearon políticamente a transferencia dos hospitais, unha xestión necesaria para que os Hospitais de San Rafael e San Xosé pasen a ser xestionados definitivamente polo SERGAS. Despois de darlle “as miñas felicitacións e parabéns polo seu nomeamento”, o Presidente da Xunta resumiu o carácter da “nova etapa” que se abre entre a Deputación e a Xunta: “Tivemos a oportunidade de facer un repaso amplo de temas que preocupan ó Presidente da Deputación e que compartimos. Estamos nun estado onde é fundamental que cada un exerza o seu traballo e competencias, desde esa vontade de transparencia onde as administracións sirvan ós cidadáns e exerzan a súa complementariedade”. Neste amplo repaso houbo tres temas fundamentais: a transferencia de hospitais da Deputación ó SERGAS, o reequilibrio territorial e a comarcalización dos parques de bombeiros. O Presidente da Deputación agradeceu ó mandatario galego “que no inicio deste curso político teña presente a provincia de Lugo. Para Lugo é especialmente importante a coordinación con todas as administracións, a cooperación dirixida ós concellos -que son o noso obxectivo-, que os cidadáns teñan mellores condicións de vida e, por suposto, a transparencia”. Para Gómez Besteiro, “o que fixo hoxe o Presidente é apostar pola normalidade entre a Deputación e a Xunta de Galicia. Ata o de agora non era posible. Creo que é un día grande para a provincia de Lugo”, concluiu. Transferencia dos hospitais “Unha asignatura pendente era a transferencia dos hospitais. As deputacións non están para servir servizos hospitalarios. O caso de Lugo era unha illa no medio do océano. O lóxico é o sentido común. Queremos que impere, ser más eficaces e eficientes no servizo ós veciños. O obxectivo último é a transferencia dos hospitais ó Servizo Galego de Sáude”, explicou o Presidente da Deputación. Na actualidade, e aínda que é unha situación anácronica no marco galego, a Deputación xestiona os hospitais de San Rafael e San José que suman un total de 272 traballadores e unha superficie de 19.541 metros cadrados. O Presidente da Xunta explicou que nas vindeiras datas a Conselleira de Sanidade abordará este asunto directamente coa Deputación de Lugo. Plan de reequilibrio territorial Outro dos asuntos foi o Plan de Reequilibrio Territorial. “Fixemos do reequilibrio territorial unha rúbrica e prioridade fundamental da acción de goberno. Por primeira vez na historia de Galicia hai un plan de reequilibrio territorial, un desafío colectivo. Na provincia de Lugo ten un investimento superior ós 800 millóns de euros, por enriba do 30% do total de investimento. Desde a Presidencia hai unha vontade de rematar con esa política opaca, de falta de transparencia e criterio democrático para sustituíla polos obxectivos comprometidos de equidade e transparencia. O plan nacería morto se esa non fora a vontade da Xunta e da Deputación”, afirmou Pérez Touriño. Dentro deste plan, o primeiro obxectivo será “racionalizar o mapa das rede provincial coa rede autonómica. Quero agradecer o compromiso do Presidente coa Galicia interior. Iso serviranos para coordinar a rede provincial coa autonómica”, afirmou o Presidente da Deputación. Para Gómez Besteiro a actualización da titularidade de estradas facilitará “o mantemento das mesmas, a seguridade vial e a mobilidade da provincia”. Na actualidade a Deputación de Lugo xestiona preto de 5.000 quilómetros cadrados de estradas provinciais, o maior número en España. O 42% das estradas provinciais de Galicia están en Lugo. Parques de bombeiros Na xuntanza tratáronse numerosos asuntos, pero o terceiro tema que marcou a entrevista dos dous mandatarios foi os parques de bombeiros. “Temos que ter unna política moderna, eficaz, para que as comarcas teñan un servizo bo. Ata o de agora isto era inexistente, o que é grave. A deputación ten que aportar neste servizo de parques comarcais de incendios”, afirmou o Presidente da Deputación, para o que se trata “dun servizo básico para os concellos”. Nas vindeiras semanas, a Deputación de Lugo abordará directamente cos Conselleiros responsables varios dos asuntos como estes, pendentes históricamente entre ámbalas dúas administracións.