O Presidente da Deputación de Lugo comprométese cos veciños da Montaña a desbloquear varias obras da rede viaria comezadas hai 4 anos
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse onte cos veciños de Pedrafita e Folgoso do Courel a desbloquear e axilizar varias obras da Montaña que comezaron hai xa catro anos e que están a ocasionar importantes molestias ós habitantes da zona e que lles obriga a dar rodeos de ata 10 quilómetros. O máximo responsable provincial asegurou que hai que facilitar as comunicacións porque senón a xente ten moitas dificultades para chegar a esta zona, por iso comprometeuse a incrementar o orzamento previsto nos vindeiros presupostos da Deputación. José Ramón Gómez Besteiro comprobou in situ o mal estado no que se atopan os traballos de mellora e anchamento da estrada provincial que une Seoane do Courel e Pedrafita. Levan anos de retraso, a estrada é prácticamente intransitable e os habitantes da Montaña lucense vense obrigados a dar rodeos de 10 quilómetros nunha orografía xa de por sí complicada. No seu percorrido, ó longo de todo o día, o Presidente estivo acompañado polo Delegado de Infraestruturas da Deputación, Manuel Martínez, e os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, Xosé Luis Raposo, e de Folgoso do Courel, José López Fontal. O máximo responsable da Deputación dixo que estas obras son prioritarias para o desenvolvemento económico da Montaña. E necesario mellorar as conexións do Courel, xa que é unha zona a potenciar, non só a nivel turístico, senón tamén a nivel rural e, sobre todo, medioambiental, que é unha das prioridades do Goberno Provincial para os vindeiros anos. Lembrou que a actual estrada é estreita e ten curvas moi pronunciadas, o que fai case imposible a circulación de autobuses entre Seoane e o Hospital. As obras desta estrada están presupostadas en 3.692.000 euros, dos que están executados ou adxudicados 1.815.000 euros a cargo dos Plans Operativos Locais (POL) dos anos 2003-2006. Aposta pola seguridade viaria Ademais de axilizar os traballos e aumentar os presupostos, o Presidente da Deputación tamén anunciou que será rectificado o trazado desta estrada en varios puntos que, tal e como están deseñados a día de hoxe, supoñen un perigo para a seguridade dos habitantes da zona. En concreto trátase de varias curvas que atravesan por diante das casas existentes. José Ramón Gómez Besteiro sinalou que o que se empeza hai que rematalo ben. As obras de mellora e anchamento da vía provincial que une Seoane de Caurel e O Hospital (Pedrafita), foron iniciadas en 2003. A estrada provincial ten unha lonxitude de 15,600 quilómetros e os traballos estánse a acometer por fases. Neste momento están rematados tres treitos que foron iniciados en 2003 e 2004 e outro está sen asfaltar. No resto da vía, os traballos aínda non deron comezo. Un treito está pendente da disponibilidade dos terreos e outros dous teñen os proxectos redactados.