Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibe ó Conselleiro
de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Imaxe deputación de lugo
Na xuntanza abordaranse as propostas do goberno autonómico para mellorar os servizos de abastecemento de augas e a recollida de residuos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibirá mañá xoves, ó Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, Manuel Vázquez. O titular autonómico de Medio Ambiente será presentado ós voceiros dos Grupos Políticos e asinará no Libro de Ouro do organismo provincial. Acto seguido, Manuel Vázquez e Gómez Besteiro manterán unha xuntanza privada no despacho do Presidente, na que abordarán as propostas do goberno autonómico en materia de medio ambiente e que constitúen unha das tres mesas de traballo que a Deputación de Lugo establecerá coa Xunta de Galicia, tal e como quedou de manifesto logo da reunión que mantivo o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, cos titulares das catro Deputacións galegas o pasado luns. Neste senso, atendendo ós problemas que plantexan os servizos de abastecemento de augas e a recollida de residuos, a Consellería de Medio Ambiente estudará e proporá fórmulas que melloren a coordinación deses servizos coa participación do ente provincial. Na reunión tamén se abordarán as posibilidades do Pazo de Tor. A visita do responsable de Medio Ambiente da Xunta enmárcase dentro da serie de recepcións oficiais que está a levar a cabo o Presidente da Deputación na sede da institución provincial e que dá continuidade ás visitas que realizaron ó Pazo de San Marcos os Conselleiros de Traballo e Presidencia, Ricardo Varela e José Luis Méndez Romeu e á xuntanza que o dirixente provincial mantivo en Santiago coa Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride. Visita Oficial ó Concello de Monforte Asemade, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitará oficialmente o Concello de Monforte de Lemos o vindeiro mércores, 23 de abril. Trátase dunha visita prioritaria que Gómez Besteiro tiña pendente na súa axenda e que se enmarca dentro da rolda de entrevistas que o máximo mandatario provincial está a levar a cabo cos Alcaldes e Alcaldesas da provincia. O rexedor monfortino xa fora recibido polo máximo mandatario provincial, polo que este é o segundo contacto oficial que Gómez Besteiro manterá con Severino Rodríguez. Coa visita do rexedor monfortino no mes de setembro recuperáronse as relacións instituciones entre ámbalas dúas administracións, despois de varios anos nos que non fora posible esta xuntanza. Asimesmo, o parque de bombeiros e o turismo foran os outros dous asuntos tratados naquela reunión. O Presidente provincial será recibido polo Alcalde diante da porta do Concello. Posteriormente, será presentando ós membros da Corporación municipal, asinará no Libro de Ouro do Concello e manterá unha xuntanza privada co rexedor para abordar as principais necesidades do Concello. Finalmente, Gómez Besteiro entrevistarase cos representantes da CEL de Monforte.