Deputación de Lugo

Gómez Besteiro solicita unha entrevista urxente co novo Presidente da Xunta de Galicia

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación considera prioritario mater a mesma axilidade en temas como a transferencia dos hospitais, os parques de bombeiros e a Fundación Tor

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, remitiu este luns un escrito ó novo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, solicitándolle unha entrevista urxente para abordar temas de máximo interese para a provincia de Lugo. Gómez Besteiro estivo o pasado xoves no debate de investidura de Núñez Feijoo e este sábado na súa toma de posesión, e xa tivo a oportunidade de saudalo persoalmente. Agora, solicita de xeito oficial un encontro co novo xefe do executivo galego para abordar asuntos pendentes entre ámbalas dúas administracións. En tres casos concretos, o máximo responsable da institución provincial pedirá que se manteña a mesma axilidade que había cos anteriores responsables autonómicos, e que non sufran unha parálise a consecuencia do cambio de Goberno. Un deles é a transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS que, no protocolo asinado entre o Presidente da Deputación e a anterior Conselleira de Sanidade, fixaba o 1 de xullo como data do cambio de titularidade. Gómez Besteiro tamén plantexará a Núñez Feijoo que se manteña o calendario previsto polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento co obxectivo de dotar canto antes á provincia de Lugo de cinco parques de bombeiros en Chantada, Sarria, Vilalba, Barreiros e Viveiro. Por último, o terceiro asunto que destacará ó Presidente provincial no seu encontro co titular da Xunta, é o relacionado coa Fundación Tor que é máis recente, pero non menos urxente.