Deputación de Lugo

As novas tecnoloxías centrarán o Plan de Formación da Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e Melchor Roel presentaron o Plan que contén 41 accións formativas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado da Área de Persoal e Réxime Interior, Melchor Roel, acompañados do Vicepresidente Executivo da FEGAMP, Francisco José Fraga Cibeira, presentaron este martes o Plan Agrupado de Formación Continua para o ano 2008. En total 41 accións formativas que contan cun orzamento que ascende a 311.360 euros. Gómez Besteiro destacou que destas actividades, 18 están relacionadas coas novas tecnoloxías, o que demostra “cal é o peso que o equipo de goberno lle vai prestar á innovación tecnolóxica, e concretamente, á informática”, engadiu o responsable provincial. O Presidente provincial fixo este anuncio logo da Mesa de Formación na que participaron a Concelleira de Economía do Concello de Lugo, Sonia Méndez, o Deputado delegado da Área de Persoal o Vicepresidente Executivo da FEGAMP e os representantes dos sindicatos UXT, CCOO, CSI-CSIF e CIG. Os cursos non suporán ningún esforzo orzamentario para o organismo provincial, xa que serán subvencionados polo INAP (Instituto Nacional de Administracións Públicas). Trátase “dun Plan ambicioso” que incrementa o número de cursos na modalidade on line. Dotado de 955 prazas dará cobertura a unha quinta parte dos traballadores da administración local. O Deputado da Área de Réxime Interior, Melchor Roel, explicou que este Plan “está pensado para solventar os problemas de formación das estruturas administrativas”. O Plan vai dirixido fundamentalmente ó persoal de oficio para que poida mellorar a súa atención ó cidadán. Deste xeito, formarase ós traballadores na linguaxe de signos, “unha nova perspectiva de traballo que permitirá atender a sectores con determinadas discapacidades que cando chegan á administración se atopan cun muro porque non hai niguén que os atenda”, subliñou o Deputado. Dentro desta colaboración coa Área de Cooperación cos Concellos, a Deputación tratará de utilizar as aulas virtuais da provincia de Lugo para dar cursos presenciais. Melchor Roel anunciou que no novo organigrama da Deputación crearase unha oficina de atención ó cidadán “co obxectivo de paliar as necesidades dos traballadores e para que estes poidan prestar un servizo eficiente ós veciños”. Novos Proxectos Dentro do Programa de Formación financiado con fondos propios o Presidente da Deputación anunciou que un dos obxectivos desta Área é potenciar o Instituto Nicomedes Pastor Díaz. Deste xeito, o centro “convertirase no buque insignia da actuación en materias formativas”. Asemade, antes do verán impartirase un curso para os cargos electos (Alcaldes e Concelleiros), “unha iniciativa interesante, xa que todo o mundo necesita formación neste eido”. Para o Presidente da Deputación con esta medida “estase poñendo un servizo máis a disposición dos Concellos. Conseguése que nunha distanza de 50 quilómetros todos os traballadores teñan acceso á formación”. Proxecto Plan Agrupado Formación Continua 2008