Deputación de Lugo

Antón Bao inaugura a exposición mulleres e sindicalismo nacionalista en Galiza no Museo Provincial

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, inaugurou hoxe a mostra Mulleres e Sindicalismo Nacionalista en Galiza situada no refectorio do Museo Provincial de Lugo. No transcurso do acto, o nacionalista estivo acompañado pola directora do museo, Aurelia Balseiro e a secretaria confederal da muller da CIG, María del Carmen López Santamariña. A exposición é un breve percorrido a través das imaxes que resumen a historia da participación das mulleres no sindicalismo galego. A través dos 15 paneis que conforman a mostra, o visitante comproba que as súas reivindicacións seguen a ser, hoxe en día, as mesmas que nos comezos deste movemento: garantir o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, loitar contra a discriminación salarial, o acoso sexual, a precariedade laboral, a economía somerxida, mudar as condicións sociais, económicas e laborais das traballadoras do fogar, dignificar o papel das mulleres na historia, empregar unha linguaxe non sexista, garantir o dereito das mulleres a vivir sen violencia e, ao fin, garantir o dereito das mulleres a participar na sociedade en condicións de igualdade. Coma complemento desta mostra, o vindeiro xoves día 5 de marzo, ás 20.00 horas, o refectorio do Museo acollerá a conferencia Mulleres e Sindicalismo Nacionalista en Galiza” da man de María del Carmen López Santamariña. A exposición estará aberta ao público ata o próximo 12 de marzo e a súa entrada será gratuíta.