Deputación de Lugo

O presuposto da Deputación contempla este ano preto de 2,5 millóns de euros para políticas medioambientais

Gómez Besteiro visitou un dos hortos ecolóxicos que promove SUPLUSA nas distintas zonas verdes da cidade que son de titularidade provincial

O Orzamento da Deputación contempla este ano 2.341.760 euros para políticas medioambientais materializadas na solicitude de catro proxectos europeos destinados á promoción e á posta en valor do patrimonio paisaxístico da provincia: Lug02, Paisaxes: Entornos Paisaxísticos en Recursos Culturais Activos, Arbórea e Paisaxes Naturais e Culturais, o primeiro solicitado pola Deputación e os tres últimos, polo Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Os proxectos cos que o organismo provincial concorre ós fondos europeos suman un total de 8.260.502 euros. Serán financiados pola Deputación e polo MAP. Deste xeito, no ano 2008 a institución luguesa achegará 693.106 euros e o Ministerio 1.648.654 euros. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou estas cifras na visita realizada este xoves, Día Mundial do Medio Ambiente, a un dos hortos ecolóxicos que promove a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) nas diferentes zonas da cidade, propiedade da Deputación, en colaboración coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo. “As nosas políticas van máis alá da celebración simbólica deste Día. A Deputación de Lugo aposta polo medio ambiente con presupostos, que é como se plasman os verdadeiros compromisos”, subraiou Gómez Besteiro. Actos Semana do Medio Ambiente O responsable provincial aproveitou a ocasión para lembrar que durante esta semana a Deputación intensificou as súas actividades de carácter medioambiental. Deste xeito, 20 alumnos do Curso de Iniciación á Rede Internet, impartido polo INLUDES e a Consellería de Traballo, visitaron este luns a exposición sobre a Reserva Terras do Miño que esta semana permanece na Capela de Santa María. Asimesmo, o día 3, os asistentes do XXXVI Curso de Saúde Ambiental-Congreso Provincial de Medio Ambiente, acompañados de técnicos do INLUDES, percorreron distintos puntos deste espazo natural. No día de hoxe, no que se celebra o Día Mundial do Medio Ambiente, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu a un grupo de alumnos, de 12 e 13 anos, do colexio Galén de Lugo na Capela de Santa María. Os escolares visitaron a mostra que amosa a bioxeografía da primeira Reserva declarada en Galicia no ano 2002. A actividade incluiu, ademais, a proxección de DVDs sobre a Reserva. Como recordo os escolares recibiron camisetas e material divulgativo do espazo natural. Pola súa banda, o Presidente da Deputación acompañado do Delegado Provincial de Medio Ambiente, Eduardo Vidal Baamonde, participou no acto organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para conmemorar este Día no que se repartiron 600 prantas: 200 xeranios, 200 petunias e outras tantas clavelinas. Acto seguido, Gómez Besteiro visitou un dos hortos ecolóxicos promovidos por SUPLUSA nas zonas verdes da cidade que son propiedade da Deputación. Hortos ecolóxicos A Sociedade Urbanística Provincial, ademais de promover a construción de polígonos industriais na provincia, está a levar a cabo un proxecto de dinamización das zonas verdes coa colaboración da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, logo de que SUPLUSA sacase a concurso un proxecto para revitalizar e dinamizar as zonas verdes de Lugo. Esta colaboración enmárcase dentro do obxectivo de embelecer as zonas verdes e dentro da aposta que fai a Deputación polos usos sostibles. Ámbalas dúas entidades asinaron un convenio de colaboración no ano 2006 para levar a cabo a dinamización das áreas verdes que son propiedade da Deputación. Este convenio ten unha vixencia de 10 anos e un presuposto de 149.000 euros o primeiro ano, que se incrementará nos vindeiros, segundo o aumento do IPC. Deste xeito, a Sociedade Urbanística Provincial, no 2008 aporta 38.777 euros cada trimestre para que a Federación leve a cabo as actividades correspondentes de dinamización. O mantemento das áreas verdes corre a cargo do personal da Deputación. Unha das principais actividades dentro deste proxecto de dinamización e a construción de catro hortos ecolóxicos, 3 ubicados na zona da Fervedoira e un en Paradai. Malia que a iniciativa está aberta a todo tipo de público, a maior demanda é de xente da terceira idade, xubilados e parados, aínda que cada vez son máis os xóvenes que están a participar na actividade. Nestes hortos, ademais de que os participantes poden realizar distintas plantacións sendo os encargados das mesmas, tamén se fan cursos de todo tipo: inxerto, poda, plantación de hortalizas, etc. Nas zonas verdes hai 5 casetas en total, ubicadas nos parques do Rato, Paradai, Miño, Chanca e na zona dos Robles. Son casas prefabricadas de madeira na que os usuarios poden atopar bibliografía e información como: prensa diaria ou diferentes libros doados pola Deputación. Estas casetas funcionan como punto de encontro de persoas que dispoñen de tempo libre. O horario de apertura ó público é de 10:00 a 20:00 horas. Para o desenvolvemento do programa hai sete monitores distribuídos nas zonas, un coordinador do programa e un administrativo. O número máximo que se permite por curso, segundo o número de monitores fixado presupostariamente, é de 80 persoas.