Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda participa na andaina pola Vía Romana XIX

Imaxe deputación de lugo
A andaina rematará no Concello de Castroverde e contará cun xantar campestre

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participará mañá na andaina pola Vía Romana XIX. A comitiva formada por autoridades provinciais, municipais, técnicos e público en xeral partirá ás 10:15 da mañá da Praza de Armanyá. Logo continuarán a pé polo centro histórico de Lugo, vendo a sinalización urbana colocada polo Concello, e visitando os centros arqueolóxicos de Doutor Castro e San Roque. Desde o Centro arqueolóxico de San Roque, os participantes serán trasladados en autobús ata o lugar de Viador para iniciar a andaina propiamente dita, que durará uns 6 quilómetros, rematando a xornada de mañá no pobo de Adai (Concello de O Corgo), onde se convidará ós participantes a un xantar campestre e onde tamén se levará a cabo unha exhibición sorpresa vinculada á reconstrución histórica da época romana. Tras o xantar os participantes volverán a ser trasladados en autobús ata a capela das Virtudes, onde continuará a andaina durante outros 6 quilómetros, vendo varios dos lombos orixinarios da via romana XIX e outros elementos interesantes do noso patrimonio cultural e paisaxístico. Finalmente a xornada rematará na igrexa de Tórdea (Concello de Castroverde), lugar elixido como remate da primeira etapa do itinerario cultural da Vía Romana XIX, dado os importantes vestixios de diferentes épocas que nela se agochan. O regreso á cidade de Lugo efectuarase en autobús aproximadamente ás oito da tarde. A iniciativa está organizada conxuntamente polo Concello de Lugo e o INLUDES –dependente da Deputación-. Esta andaina, que comezará no Concello de Lugo e rematará no lugar de Tórdea, no Concello de Castroverde, servirá de inauguración do itinerario cultural, tralo seu acondicionamento e sinalización. Con esta andaina ponse punto e final a un ambicioso proxecto europeo Interreg III no que participaron o Concello de Lugo, as Deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, o CSIC, a Universidade de Santiago e os Concellos portugueses de Braga, Vilaverde, Ponte de Lima, Paredes de Coura e Valença do Miño.