Deputación de Lugo

Presentouse na Deputación o IV Clinic Internacional de Baloncesto Lugo é Basket

Este encontro dirixido a adestradores e árbitros celebrarase no Pazo Provincial de Deportes os días 4 e 5 de febreiro.

LUGO, a 28 de xaneiro de 2008. A Deputación de Lugo acolleu hoxe a presentación do IV Clinic Internacional de Baloncesto Lugo É Basket organizado pola Asociación Xuvenil do Sagrado Corazón. Nesta presentación estiveron presentes o responsable de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, o Concelleiro de Deportes do Concello de Lugo Xosé Manuel Díaz Grandio, o Xefe de Deportes da Xunta de Galiza, Eduardo Fernández Abel, o presidente da Asociación Xuvenil do Sagrado Corazón, Rubén Engroba, e a representante da Federación de Galega de Baloncesto, Patricia Rico. Este clinic que se celebra por cuarto ano consecutivo na cidade de Lugo contará coa presenza de catro dos máis recoñecidos adestradores de baloncesto do estado español: Gustavo Aranzana, Paco García, Evaristo Pérez e Pepe Casal. Ademais o clinic contará coa participación do arbitro da liga ACB Carlos Cortés. Segundo resaltou o presidente da Asociación Xuvenil do Sagrado Corazón e organizador do clinic, Rubén Engroba, “todos os poñentes participarán de xeito altruísta e esto fai posible reunir a tan significados persoeiros do panorama baloncestistico español”. O Responsable de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, destacou a importancia deste tipo de eventos para manter a tradición baloncestística de Lucense e o feito de que a convocatoria sexa realizada dende unha asociación xuvenil que ven traballando dende fai tempo na promoción do deporte de base na cidade de Lugo.