Deputación de Lugo

A Deputación aprobará unhas novas bases para a concesión de subvencións do Plan de Comunidades Veciñais

As obras deberán ser certificadas no mesmo exercicio “para evitar desfases presupostarios”

O Deputado de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas, anunciou este venres que a Deputación aprobará unhas novas bases para o Plan de Comunidades Veciñais. Un dos obxectivos é “acurtar prazos para que estas obras sexan certificadas e aboadas no mesmo exercicio. Evitaranse así desfases presupostarios e engorrosos procedementos administrativos que dificultan a fiscalización destas obras”, dixo Gato Soengas. Ademais, o voceiro socialista avanzou que todas as obras que afecten ó dominio público deberán contar co aval do Alcalde correspondente. “Non é posible que unha comunidade acometa un saneamento dun núcleo que vai ó colector municipal ou que realice unhas obras de alumeado sen contar coa autorización do Concello. Esto motivou moitos conflictos políticos que queremos evitar con esta medida”. Antonio Gato tamén avanzou que se simplificará o procedemento administrativo xa que na actualidade “revisar un expedente leva moito tempo e é engorroso, e os impresos son de difícil comprensión”. O voceiro socialista dixo que estas bases se aprobarán nun vindeiro pleno “e queremos que se coñezan moi ben”. Levantada a suspensión Antonio Gato Soengas fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación de Lugo que acordou levantar a suspensión relativa á concesión de subvencións ás Comunidades Veciñais correspondentes ó ano 2007. O goberno provincial decidira paralizar preventivamente a tramitación dos expedentes administrativos logo de comprobar que o acordou adoptado pola Xunta de Goberno do 6 de xullo incumpría as bases do Plan de 2007 por non ter sido constituída a Mesa Técnica. Unha vez correxida esta irregularidade acordouse conceder todas as subvencións previstas inicialmente, sen ningunha modificación. Das solicitadas no seu día para obras, 355 foran aprobadas e 84 rexeitadas O importe total é de 2.142.000 euros.