Deputación de Lugo

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo deu conta da aprobación de nove subvencións relativas ao Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais dos anos 2006 e 2007 que o anterior goberno deixara pendentes

Antón Bao asegurou que o Partido Popular non é un “modelo para seguir” en canto ao traspaso de poderes, ao tempo que lle pediu que se comprometese cos problemas e coas necesidades reais dos lucenses en vez de tentar destruír os proxectos do anterior goberno galego

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, informou, na habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, da aprobación das contas xustificativas da actividade de animación, promoción de desenvolvemento social e cultural do Plan de cooperación con comunidades veciñais, cun valor total superior aos 23.000 euros, correspondentes aos anos 2006 e 2007, e pertencentes aos concellos de Baralla, Barreiros, Lugo, Palas de Rei, Paradela, Sarria, Sober e Vilalba. Deste xeito, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou unha subvención cifrada en 11.310 euros destinada a sufragar os gastos derivados da festa do “Magosto Popular 2006” na aldea de Sobrado do Picado en Baralla. En canto ás contas pendentes, relativas ao exercicio do ano 2006, tamén se aprobaron as contas xustificativas do Concello de Barreiros, unha achega taxada en 3.000 euros, con motivo da “II Xuntanza da 3ª Idade e Xuventude”, no lugar de Benquerencia, e as contas pertencentes ao Concello de Sober en relación cunha restauración e excursión realizada nese mesmo ano, cunha axuda cifrada en 1.500 euros. Relativo ás contas aprobadas en relación cos concellos de Lugo e Sarria, o vicepresidente primeiro da Deputación aclarou que estas subvencións corresponden aos anos 2006 e 2007 e responden a dúas viaxes, unha a Valencia e outra a Asturias e a Covadonga, no caso da capital lucense, e a “Festa do Peregrino”, no lugar de Barbadelo, e dunha serie de desprazamentos e intercambios no que atinxe a Sarria. As subvencións cifráronse en 1.400 e 2.500 euros respectivamente. Xa, por último, no que respecta aos asuntos pendentes, correspondentes ao ano 2007, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou as contas xustificativas pertencentes aos concellos de Palas de Rei, Paradela e Vilalba con motivo da posta en marcha das actividades culturais “San Xoán 07” -2.000 euros-, da celebración das “Festas Populares Mosteiro Vello” -2.000 euros-, e dos gastos derivados de diversas exposicións, representación de obras e publicacións -800 euros-, respectivamente. “Elegancia” e “transparencia” Nesta mesma liña, ao fío dun comunicado de prensa emitido hai uns días polo grupo provincial do Partido Popular, no que se pedía lle pedía á Deputación de Lugo que os asuntos pendentes entre a Xunta e esta administración estivesen presididos pola “elegancia” e a “prudencia”, Antón Bao salientou que o PP “non é un modelo de elegancia á hora de realizar un traspaso de poder, nin desa transparencia que agora solicitan como criterio para un goberno en funcións”. Así, o recalcou que estes criterios non foron unha “máxima” no que atinxe ao traspaso de poder na Deputación, un feito que corroborou citando varios exemplo desa errónea xestión. Deste xeito, Antón Bao lembrou que unha parte dos puntos aprobados na Xunta de Goberno do día 14 de marzo de 2009 pola Área de Cultura e Deporte corresponden a “asuntos pendentes” relativos aos anos 2006 e 2007 en materia de subvencións a comunidades veciñais, unhas datas nas que o populares estaban ao mando no Pazo de San Marcos. A maiores, o vicepresidente primeiro da Deputación recalcou que os populares deseñaran e puxeran xa en marcha unha serie de convenios cos concellos da Pastoriza, Becerreá, Begonte e Bóveda para a construción das correspondentes piscinas municipais, uns proxectos que contaban cunha orzamento cifrado en máis de 3.200.000 euros. Acto seguido, Bao tamén lembrou a “innecesaria remodelación” da escaleira principal do Pazo de San Marcos realizada en 2006, unha obra na que se investiron máis de 650.000 euros ou “cemiterio de libros” (máis de 30.000 exemplares) acumulado nas dependencias do Pazo e que a Área de Cultura distribuíu nos tres últimos meses do ano 2007 entre centros de ensino, bibliotecas, museos e asociacións culturais entre outras entidades ou organismos. Ademais, o recordou o compromiso adquirido polo anterior goberno da Deputación sobre a publicación dun libro de sete tomos titulado La Guerra de España día a día. A mencionada obra xiraba en torno á Guerra Civil e contaba cun orzamento de máis de 55.000 euros. Por último, Antón Bao pediulle ao Partido Popular que “deixe de destruír os proxectos do anterior goberno galego” e que se comprometa firmemente coa Deputación de Lugo e cos problemas e as necesidades reais dos lucenses.