Deputación de Lugo

A Vicepresidenta 3ª da Deputacion, Maria Xosé Vega, entrevistouse co Director Xeral de Xuventude

A Deputación, a través da área de benestar social e mocidade, apoiará os proxectos da Xunta de Galiza

Varias localidades lucenses contarán con centros para a mocidade que serán un referente a nivel do estado español A vicepresidente terceira da Deputación de Lugo, Mª Xosé Vega, mantivo hoxe unha xuntanza co director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, Rubén Cela, e coa delegada provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, Branca Rodríguez Pazos. Esta xuntanza foi unha primeira toma de contacto, formal, para establecer liñas de colaboración entre ámbalas dúas institucións. Co ánimo de materializar a predisposición, do Goberno bipartito da Deputación de Lugo, a colaborar con outras institucións galegas existe un interese manifesto por apoiar os proxectos emanados dende o Goberno galego. Neste senso, a vicepresidenta 3ª e responsable das área de benestar social, igualdade, xuventude, sanidade e turismo da Deputación, Mª Xosé Vega, sinalou que “as políticas, en materia de mocidade, da Deputación irán encamiñadas a apoiar aqueles proxectos impulsados dende o goberno galego e que teñan como obxectivo o fomento de actividades culturais e alternativas de ocio”. Tanto o Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, como a Delegada Provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, Branca Rodríguez Pazos, transladaron aos representantes do Goberno da Deputación os diversos proxectos que a Xunta de Galiza vai poñer en marcha en vilas e cidades de Lugo. A maior parte destes proxectos irán dirixidos á mocidade e serán espazos nos que, segundo o director xeral de Xuventude “os mozos e mozas deste país atoparán un lugar de encontro no que interrelacionarse, expresar as súas capacidades e desenrolar o seu talento”. VARIOS CENTROS PARA A MOCIDADE OFERTARÁN OCIO, CULTURA E APOIO AFECTIVO-SEXUAL A Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, a través da Dirección Xeral de Xuventude, está a poñer en marcha varios centros para a mocidade que son punteiros no Estado español tanto polas infraestructuras que acollerán como polas actividades que neles se levarán a cabo. Varios destes centros serán referentes para a mocidade nas distintas comarcas de Lugo. Funcionarán en rede e conterán espazos de ocio e coñecemento. En algunhas localidades os centros Quérote facilitarán a mozos e mozas información afectivo-sexual de xeito anónimo e gratuito. Varios centros deste tipo xa están a funcionar, con profesinoais cualificados, na provincia de Lugo.