Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación amosa o apoio da institución provincial ós Concellos da Montaña

Gómez Besteiro visitou oficialmente os Concellos de Triacastela, Cervantes e As Nogais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Beteiro, visitou este xoves os Concellos de Triacastela, Cervantes e As Nogais, na Montaña lugesa, dentro da rolda de entrevistas que está a manter cos Alcaldes e Alcaldesas da provincia. Gómez Besteiro fixo fincapé na realidade que viven estes municipios, con pouca poboación, moi dispersa, e cunha orografía que dificulta a prestación de servizos ós seus veciños. “As Deputacións están pensadas para axudar sobre todo ós Concellos más pequenos, e no caso dos que están na Montaña deben ter un tratamento diferente”. Puxo como exemplo o servizo de bomberios, que nesta zona será resolto dun xeito distinto ó resto da provincia, e “iso non é darlles un trato de favor, senón tratar dun xeito desigual a quen é desigual”. O titular provincial dixo que “a Deputación non pode facelo todo, pero si colaborar en cuestións que fan máis doada a vida nos Concellos, como en materia de recadación, extinción de incendios ou tramitación de axudas”. José Ramón Gómez Besteiro lembrou que hai Concellos, sobre todo os máis pequenos, que non teñen nin os servizos máis básicos. “É necesario que os Alcaldes sexan capaces de compartir proxectos en común que afecten a máis dun municipio”, afirmou o Presidente provincial. Medio Ambiente José Ramón Gómez Besteiro sinalou que a orografía desta zona e a súa riqueza paisaxística tamén poden converterse na mellor aliada á hora de acadar un desenvolvemento sostible. “A aposta polo medio ambiente e o turismo lévanos ó futro da provincia. A área de Medio Ambiente da Deputación vai implicarse máis no proxecto da Reserva da Biosfera dos Ancares para conseguir que este paraíso atraia máis xente e máis cartos á zona, o que contribuiría a fixar poboación. Hai que poñer a Montaña luguesa no mapa”. Os tres rexedores, Miguel Angel Fernández de Triacastela, José Luis Coedo, das Nogais, e Benigno Gómez, de Cervantes, amosaron a súa satisfacción pola visita do Presidente. O Alcalde de Triacastela dixo que “o feito de que o Presidente estea aquí, xa demostra que algo cambiou na Deputación”. Pola súa banda, José Luis Coedo falou de “un día histórico para As Nogais porque é a primera visita oficial dun Presidente da institución provincial”. Peticións dos Alcaldes O máximo responsable de Triacastela, un dos catro municipios da provincia con menos de 1.000 habitantes, solicitou a colaboración da Deputación no saneamento dos núcleos rurais, xa que dos 27 que hai en todo o Concello só a capital dispón deste servizo. Pola súa banda, o rexedor das Nogais pediu o anchamento e a eliminación das curvas máis perigosas da estrada provincial que une esta localidade con As Lamas, a vía máis importante do municipio despois da N-VI e a A-6. En canto, ó Alcalde de Cervantes, reclamou, entre outras cuestións, a promoción e o desenvolvemento turístico, o asesoramento xurídico e informatización do Concello. José Ramón Gómez Besteiro foi presentado ás respectivas Corporacións, e asinou nos Libros de Ouro dos Concellos. Agasallou ós Alcaldes con cadansúa bufanda de seda e lampada deseñadas polo Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación de Lugo. Pola súa banda, recibiu diversos presentes por parte dos seus anfritións.