Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño organiza un curso de
cestería irlandesa de vimbio

Imaxe deputación de lugo
Os asistentes fabricarán o cesto típico do norte de Gran Bretaña que garda similitudes cos que se elaboran nas Rías Baixas

O Centro de Cestería do Río Rato acolle esta fin de semana o curso de cestería irlandesa de vimbio, o noveno dentro da programación de primavera do Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación. Esta actividade, que se desenvolverá o 14 e 15 de xuño, será impartido polo artesán Carlos Fontales. Deste xeito, os asistentes aprenderán a fabricar o “creel”, cesto típico de Irlanda e de toda a zona norte de Gran Bretaña. Trátase dunha modalidade que garda similitudes cos que se elaboran na zona das Rías Baixas, en localidades como Muros e Noia. Estes cestos, de estrutura rectangular, teñen como particularidade que se comezan pola parte superior, a diferenza do que acontece co resto. O curso impartirase en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Está dirixido a cesteiros profesionais ou noveis, artesáns doutras disciplinas e público en xeral. A inscripción poderá realizarse ata dous días antes do comezo. O obradoiro inclúe a identificación dos materiais e ferramentas necesarias, breve descripción da peza, identificación de distintos “creel” irlandeses e fabricación dos mesmos. Dispón de 16 horas de formación. O prezo da matrícula é de 16 euros. Obradoiros portátiles Por outra banda, ós obradoiros portátiles de tapiz, cestería e instrumentos musicais seguen a percorrer os centros educativos da provincia co obxectivo de promocionar os oficios tradicionais entre os rapaces. Deste xeito, os días 17 e 18 de xuño os alumnos do CEIP Seoane do Courel teñen a oportunidade de coñecer as principais técnicas de tapiz nos dous obradoiros que se impartirán no colexio o martes e mércores da semana que vén.