Deputación de Lugo

A Fundación TIC subscribe convenios con sete asociacións sen ánimo de lucro para divulgar o seu labor social

Imaxe deputación de lugo
Alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo realizarán proxectos audiovisuas con fins sociais.

Os convenios de colaboración asinados hoxe súmanse ós xa suscritos coas Fundacións ANADE, ASPNAIS, Preescolar na Casa e Azkar. O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e representantes de sete asociacións asinaron este luns senllos convenios de colaboración para a elaboración de proxectos audiovisuais con fins sociais, que serán realizados por alumnos e ex alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo. Gómez Besteiro destacou que esta iniciativa é un bo exemplo de que a Fundación TIC é útil á sociedade lucense xa que, por unha banda, servimos como medio de sensibilización dos lucenses ofrecendo servizos audiovisuais e novas tecnoloxías e, por outra, becamos a alumnos da Fundación, contribuíndo a súa integración laboral. As sete organizacións asinantes son: Asociación Down de Lugo, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Asociación Raiolas, Fundación UNICEF, Asociación Lucense de Sordos (ALUSOR), Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais (FEAFES) e a Asociación San Vicente de Paul. O Presidente provincial destacou o importante labor social que desenvolven estas asociacións sen ánimo de lucro, que non sempre está suficientemente recoñecida, a veces, por descoñecemento. Por iso, desde a Fundación TIC imos colaborar para facer visible o seu traballo. Pola súa banda, a Presidenta da Fundación UNICEF Lugo, Myriam Garabito, agradeceu, en nome das entidades asinantes, a colaboración da institución provincial. A sinatura deste convenio permite que o noso traballo e o do persoal voluntario se visibilice dentro e fóra da nosa provincia, e axúdanos a que as nosas metas se leven a cabo. Os convenios establecen que a Fundación TIC realizará espazos de divulgación para emitir a través de diferentes soportes audivisuais que serán realizados por un equipo do que formarán parte alumnos da EIS e bolseiros formados no centro. Con esta iniciativa, poderán ter o seu primeiro contacto co mundo laboral a través da realización de proxectos audiovisuais con fins sociais. Faremos este labor social creando emprego xuvenil, apuntou Gómez Besteiro. Inserción laboral José Ramón Gómez Besteiro subliñou que o nivel de inserción laboral dos alumnos está a ser moi alto, algo especialmente importante neste momento de crise. Segundo os datos aportados polo Presidente, 125 alumnos pasaron pola Escola dende a súa creación. A todos eles se lles dá a oportunidade de iniciarse no mercado de traballo a través do programa de bolsas de formación que promove a Fundación. Á marxe dos 7 convenios asinados hoxe, os estudantes da Escola poden realizar prácticas en preto de 60 empresas do sector audivisual de Galicia e do resto de España. O reto da TDT O Presidente incidiu en que a potenciación da TDT tamén é un grande reto no que a Fundación está implicada directamente. Lembrou que a Televisión Dixital Terrestre é un factor de desenvolvemento tecnolóxico, de creación de emprego e de oportunidades de negocio no mundo audiovisual. Son necesarios técnicos cunha maior cualificación profesional formados no manexo das novas tencoloxías dixitais. Neste senso, suliñou que pero tamén debemos destacar a cooperación cos Concellos neste eido. Hai que lembrar que no mes de xullo a Fundación entregou 700 decodificadores en A Fonsagrada, co fin de rematar o apagón analóxico. Tamén sufragamos na Mariña un remisor que hoxe permite recibir sinal da TDT a 500 familias de Foz, Lourenzá e Barreiros. Estes son gastos cos que deben correr os Concellos pero que asumimos desde a Deputación.