Deputación de Lugo

Presentado o edificio prototipo para os novos parques provinciais de bombeiros

O Presidente da Deputación e o Conselleiro de Presidencia destacan que a posta en marcha da rede provincial é un “exemplo de celeridade das administracións para rematar cunha discriminación histórica”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciaron hoxe a contratación das obras do primeiro parque de bombeiros de carácter comarcal na provincia de Lugo, que se fará en Chantada. Ademais da posta en funcionamento do parque de bombeiros de Barreiros –construído e pechado desde hai anos-, construiranse outros catro parques de carácter comarcal: en Chantada, Viveiro, Sarria e Vilalba, que estarán adscritos a un consorcio provincial. Seguirán en funcionamento os parques municipais de Lugo e de Monforte. Os dous mandatarios subliñaron que hoxe rematan unha situación insostible que durante moitos anos fora mantida en Lugo dun xeito discriminatorio con respecto non só a outras provincias galegas, senón da totalidade das provincias españolas en servizos contraincendios. Esta actuación vai permitir, en palabras do Conselleiro, que a provincia de Lugo pase dunha situación de “nula existencia de servizos comarcais de resposta” a unha “total cobertura do territorio no prazo deste exercicio 2008”. Isto permitiranos, segundo o titular de Presidencia, que en 2009 estean “plenamente operativos” estes parques: dotados de persoal, de vehículos necesarios, etc. porque adquiriranse os vehículos de forma simultánea ao proceso de formación e de organización do persoal. O Presidente da Deputación destacou que, grazas ó financiamento ó 100% entre a Xunta e a administración provincial, “os concellos non terán que pagar nada, como tradicionalmente estaba previsto”. Para Gómez Besteiro “é un momento histórico e, por iso, quero subraiar o valor do tempo. A decisión da Deputación de implicarse non pode ser simplificada”. Cos anteriores gobernos e a antiga Lei de Emerxencias, a Deputación só asumía o 30% dos custes e cargaba o 20% ós municipios correspondentes. Sen embargo, co cambio de goberno na Deputación, Xunta e Deputación aportarán o total de investimento inicial, 9 millóns de euros, e 3 millóns de euros cada ano para o mantemento. Con respecto ó Concello de Chantada, o Presidente destacou que “o parque de bombeiros de Chantada non entra dentro da débeda do canon, aínda que no pasado puidese entenderse así”. Polo tanto, a Deputación fai un dobre esforzo económico para compensar a discriminación histórica que sufriron moitos municipios. Á semana da toma de posesión do novo Presidente da Deputación, recibiu a proposta da Consellería de Presidencia para desbloquear este tema histórico. Despois de arduos traballos que, durante as últimas semanas levaron a cabo a Dirección Xeral de Protección Civil, a Deputación de Lugo e os alcaldes dos diferentes concellos implicados, comezaron a poñerse disposición os terreos necesarios. Chantada será a primeira licitación e despois seguiranlle todas as demais. Parques sostibles Segundo explicou o arquitecto Juan Iglesias, estes edificios unen as características de funcionalidade e de arquitectura moderna e de calidade, xa que representan ás institucións públicas. Os novos parques teñen un custe medio de 700.000 euros e un prazo de execución de 7-10 meses. Necesitan parcelas de 3.600 metros cadrados e destacarán por ser parques sostibles enerxeticamente. Están deseñados para facer distribucións internas en función das necesidades, ampliacións, aforros enerxéticos, etc. Estas actuacións entroncan coa reunión mantida hai escasos días entre o Presidente da Xunta e os Presidentes da Deputación na que acordaron afondar na Lei de Emerxencias en beneficio dos concellos.