Deputación de Lugo

Lara Méndez visitou un dos obradoiros portátiles
que oferta o CENTRAD

A Vicepresidenta Segunda destacou o esforzo da Deputación por achegar os oficios artesanais a todos os escolares da provincia

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, visitou este mércores un dos obradoiros portátiles que se están a desenvolver nos distintos colexios da provincia. Lara Méndez comprobou in situ, no colexio Virxe da Soidade de Lugo, como os estudantes profundizan e descubren as principias técnicas de tapiz. Neste senso, Méndez indicou que “este é un dos exemplos dos distintos talleres que puxo en marcha o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, e que se están a impartir polos distintos colexios da provincia. Cestería e instrumentos musicais son as outras dúas modalidades que ofrece a programación do CENTRAD”. Os obradoiros comezaron no mes de xaneiro e neste momentos xa se realizaron 67 talleres. O número máximo permitido por cada un é de 10 alumnos aínda que na maior parte dos centros impártense dous obradoiros para cubrir a demanda. “Aínda que os talleres comezaron a principios de ano o resultado está a ser realmente positivo. Hai que precisar que o ano pasado os obradoiros portátiles contaron con 3 meses máis de duración polo que no 2008, con menos tempo, desde o Centro de Artesanía e Deseño fíxose un gran esforzo por chegar ó mesmo número de colexios que en edicións anteriores. Deste xeito, desde o mes de xaneiro ata xuño impartiranse un total de 95 obradoiros fronte ós 111 do ano anterior”, explicou a Vicepresidenta Segunda. Os estudantes de primaria e secundaria de trinta e nove colexios da provincia están a ser os destinatarios destes talleres que contan cun orzamento de 41.930 euros, repartidos en 16.500 para a modalidade de tapiz, 13.950 euros para cestería e 11.480 para a de instrumentos musicais. Nesta edición incluíronse 13 colexios novos: Monseivane de Vilalba, San Xoán de Becerreá, Pedregal de Irimia de Meira, Currelos (O Saviñao), Xograr Afonso Gómez de Sarria, CEIPs de Pastoriza, Corgo, Xermade, Illa de Sarón de Xove, Virxe da Soidade de Lugo, Palas de Rei, Castroverde e Pedrafita. Neste senso, Lara Méndez indicou que se introducen centro novos porque o obxectivo da actividade é “recuperar os os oficios artesanais desde a etapa escolar de xeito que todos os nenos teñan a oportunidade de aprender e coñecer oficios de grande tradición na provincia, e así conseguimos que estas profesións pervivan no tempo”. Os docentes que imparten os obradoiros son artesáns formados no Centro de Artesanía e Deseño. Méndez explicou que “desta forma estamos poñendo en valor o potencial e o labor que realizan estes profesionais no Centro”. A responsable do CENTRAD subraiou, ademais, que “unha das prioridades que nos plantexamos para deseñar o programa foi dar cobertura a toda a provincia para que todos os escolares pudiesen ter acceso a estes oficios artesanais”. Por zonas, os colexios nos que se imparten estes obradoiros son os seguintes: - Mariña luguesa: Lourenzá, Viveiro, Foz, Xove, Cervo, A Pontenova, Burela e Nois (Fazouro). - Terra Chá: Vilalba, Parga, A Pastoriza, Xermade, Meira, Mosteiro. - Zona centro: colexios Santa María, Cervantes, Luis Pimintel, Rosalía de Castro, As Mercedes, Virxe da Soidade, Galén e Albeiros de Lugo, Corgo, Outeiro de Rei, Castroverde e Palas de Rei. - Zona sur: Oural, Monforte de Lemos, Sarria e O Saviñao. - Zona da Montaña: Becerreá, A Fonsagrada, Baralla, Seoane do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Próximos obradoiros - Cestería: o día 24 rematará os obradoiro de cestería que se imparte no CEIP Nº1 de Foz e hoxe o que se desenvolve no colexio Fondo Nois de Fazouro. - Tapiz: o xoves, día 24, finaliza o taller visitado por Lara Méndez, mentres que desde o día 28 ata o mércores 30, os artesáns de tapiz impartirán un obradoiro no CEIP Juan Rei de Lourenzá. - Instrumentos musicais: o día 24 remata o do CEIP de Xermade. Asimesmo, os días 25 e 26 desenvolverase outro no colexio do Landro de Viveiro e a semana que vén, desde o 28 ata o día 30, será a quenda do colexio Galén de Lugo.