Deputación de Lugo

Os Rostros da Memoría ocuparán a sala de exposicións da Deputación durante o mes de febreiro

Unha mostra de retratos Xurxo Lobato amosa 45 retratos de homes e mulleres que sufriron represión por manter as súas ideas democráticas en tempos da dictadura

LUGO, a 1 de febreiro de 2008. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, inaugurou a exposición fotográfica de Xurxo Lobato Rostros da Memoria. Esta mostra fotográfica, chega a Lugo da man da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza, foi concibida polo autor como unha homenaxe a aqueles que sufriron a represión por manter as súas ideas en defensa da democracia, despois do golpe de estado do xeneral Franco contra a República. Moitos dos rostros fotografados por Xurxo Lobato padeceron a represión do réxime por manter as súas ideas comunistas, republicanas, anarquistas, socialistas ou nacionalistas noutros casos o simple feito de ser muller, filla ou irmá era suficiente delito para recibir a ira da irracionalidade. Segundo o autor da obra “despois de 40 anos de silencio e desprezo chegou a hora de recuperar a memoria e dala a coñecer: aquí están os rostros e DIGNIDADE para que nunca esquezamos”. A inauguración contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Antón Bao, o delegado de cultura da Xunta de Galiza en Lugo Xosé Xoan Molina, a delegada en Lugo da vicepresidencia de igualdade e benestar da Xunta de Galiza, Branca Rodríguez Pazos, e co autor das fotografías Xurxo Lobato. Esta exposición, que se encadra dentro dos actos conmemorativos do 75º aniversario do museo, permanecerá aberta do 1 ao 29 de febreiro na sala de exposicións do Pazo de San Marcos – Deputación de Lugo.