A Deputación porá en marcha na súa páxina web un apartado específico con información destinado ás asociacións culturais
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3022_1.jpg)
As entidades culturais demandaron transparencia no reparto de axudas, información fluída, colaboración para a realizacion de actividades e melloras e dotacións nos locais SARRIA, 6 DE DECEMBRO. O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o responsable da Área de Cultura, Antonio Veiga, abriron en Sarria o novo camiño que pretenden dar ás relacións do novo Goberno co tecido asociativo e os creadores lugueses. Antón Bao e Antonio Veiga reuníronse con representantes de máis de 20 asociacións culturais da comarca no que foi a primeira das reunións previstas polas distintas comarcas dentro dunha iniciativa novidosa da Área de Cultura da Deputación co obxectivo de que os Orzamentos do vindeiro ano, que están a ser elaborados, sexan Orzamentos participativos. No encontro, no que tamén participou o concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Árias, as asociacións culturais reclamaron transparencia no reparto de axudas; información constante e fluída de actos, proxectos ou liñas de subvención; colaboración do novo Goberno na realización de actividades conxuntas; e melloras e dotacións para os locales onde desenvolven as súas actividades. O responsable de Cultura, o nacionalista Antonio Veiga, comprometeuse a que na páxina web da Deputación se habilite un espazo específico destinado ás asociacións culturais, onde se lles ofreza información de todo tipo sobre actividades, axudas ou proxectos e que a través desta páxina as asociacións culturais teñan unha canle directa de comunicación cos responsables do novo Goberno.