Deputación de Lugo

A delegación lucense comeza os seus contactos
en China

Imaxe deputación de lugo
Mantiveron os primeiros encontros institucionais logo de 20 horas seguidas de viaxe

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, xunto co Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, participou nos primeiros encontros institucionais de traballo unhas horas despois de aterrar en Shanghai. Os primeiros contactos foron con autoridades locais, moi interesadas en coñecer ó Alcalde da cidade que se irmandará coa Gran Muralla. Na recepción de benvida as autoridades destacaron a importancia que lle está a dar ó pobo chinés á chegada de empresas estranxeiras, que cualifican como un xeito de fortalecer e dar a coñecer a súa forma de traballo. Explicáronlles ós representantes municipais e provincial, que Shanghai ten 749 quilómetros cadrados de casco urbano e que nos últimos 15 anos se produciu unha modernización extraordinaria da cidade, da súa economía e da súa industria, debido sobre todo ó incremento de poboación chegado de todo o mundo. Na actualidade hai máis de 200 empresas internacionais instaladas en Shanghai. Empresas que destacan por competir cos seus produtos e servizos en igualdade de condicións coas chinesas. Hai que ter en conta que o pobo chinés é moi fiel á empresa nacional e cóstalle aceptar os produtos estranxeiros. Este dato positivo de implantación de empresas occidentais é significativo e evidencia a cada vez maior apertura do continente asiático. Shanghai ten neste momento máis de 18 millóns de habitantes e está valorada polos chineses, tal e como destacaron na xuntanza, como a cidade do futuro para China. O salario alto nesta cidade ronda os 600 euros -1 euro equivale a algo máis de 10 yuanes- e o salario mínimo os 80 euros. Os representantes locais chineses explicáronlle ó Alcalde, a Concelleira e á Vicepresidenta, que neste momento o país está volcado nas Olimpiadas que comezan o vindeiro 8 de agosto e que xa se están construíndo os pavillóns da Exposición internacional do 2010 que terá lugar ás beiras do río Yangpu –considerado o máis importante de Shanghai-. Novas tecnoloxías A segunda xuntanza foi para coñecer as novidades tecnolóxicas que se están a poñer en marcha en Shanghai. O Alcalde explicoulles o proceso de modernización da administración que está a levar a cabo o Concello para achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía e ofrecer cada vez a posibilidade de realizar máis trámites dende Internet. Programas como o 24x7 ou o Conéctate, chamaron moito a atención dos representantes da Casa de España en Shanghai, xa que en China non son habituais estas actividades de formación para a cidadanía. Lara Méndez aproveitou para explicarlles a gran aposta da Deputación Provincial neste eido, InnovaTE. Un proxecto que conta cun investimento de máis de 9 millóns de euros e pretende achegar as novas tecnoloxías a toda a provincia. Venres nova axenda O venres 20 de xuño continúa a intensa axenda cun encontro con empresarios e residentes españois en China ás 9:00. Pola tarde, ás 18:30 terá lugar unha recepción de toda a delegación no Consulado. Serán recibidos polo Cónsul, Antonio Segura Moris. Ás 20:00 horas será a reunión coa colonia da Casa de España en Shanghai, da que forman parte arredor de 500 persoas de orixe española e chinesa. Esta viaxe, na que participa o Concello, a Deputación provincial, a Universidade de Santiago e a Cámara de Comercio, ten como obxectivo achegar a cultura e a riqueza turística e empresarial lucense aos potenciais receptores chineses, para iso están programadas numerosas actividades e encontros nos que o protagonismo absoluto o terá Lugo. Na delegación están integrados catro integrantes do grupo folclórico lucense Cántigas e Frores e 10 empresas de Lugo e da súa provincia, seleccionadas pola Cámara de Comercio, e que están interesadas en facerse un oco no mercado chinés e internacionalizar os seus produtos.