Deputación de Lugo

A transparencia, o diálogo social e a normalización democrática rexen a nova política de persoal da Deputación

O Pleno provincial aprobou definitivamente a reorganización administrativa da Deputación e do INLUDES

O Deputado de Réxime Interior, Melchor Roel, destacou este martes no Pleno da Corporación provincial que a política de persoal levada a cabo nos nove meses do actual equipo de goberno supón “o inicio da normalización democrática nas relacións dos dereitos e deberes dos traballadores da Deputación e do INLUDES”. Melchor Roel subliñou o diálogo social acadado nos últimos meses e dixo que se seguiron uns criterios obxectivos na procura dunha administración máis eficaz que estea ó servizo dos cidadáns. Unha destas medidas é a reorganización administrativa que aprobou hoxe definitivamente o Pleno. O obxectivo é adecuar a organización da Deputación e do INLUDES á nova estrutura xurdida da creación de oito áreas: Promoción Económica e Emprego, Benestar Social, Cooperación cos Concellos, Réxime Interior e Persoal, Infraestruturas, Economía e Facenda, Urbanismo e Medio Ambiente e Cultura e Deportes. Melchor Roel dixo que este organigrama “ten por finalidade que o persoal dos dous organismos estean o servizo dos veciños a través dunha estrutura administrativa política plural que garanta unha maior eficacia na xestión”. O responsable de Persoal destacou que tanto o Plan de Emprego para reorganizar os recursos humanos, como a nova RPT que afectou a 84 postos e traballo, ou o acordo das retribucións para 2008 se acadaron co diálogo social. “A Mesa Xeral constituiuse nestes meses nun foro de discusión real, coa incorporación da Xunta de Persoal e o Comité de Emprego”. En todos os casos as tramitacións fixéronse seguindo un procedemento regrado “que buscou o consentimento de todos para evitar os nomeamentos a dedo”. Melchor Roel tamén subliñou a aposta pola funcionarización dos traballadores, respetando a promoción interna. No caso da contratación de persoal externo para atender as necesidades máis urxentes, o responsable provincial dixo que se fixo a través dun sistema de concurso-oposición, no que a oposicón baremouse con 40 puntos e o concurso con 16, para garantir así unha total transparencia. Ademais, neste momento estase a realizar unha valoración dos postos de traballo dos empregados de San Rafael e San José para que a súa transferencia ó SERGAS se poida realizar nas mellores condicións laborais e salariais. Constitución do Consorcio O Pleno deste martes tamén acordou a participación da Deputación na constitución do Consorcio que prestará o servizo contra incendios e salvamento da provincia, e designou ó Deputado socialista Claudio Garrido como representante da institución na comisión xestora encargada da elaboración dos estatutos. O Consorcio, que poñerán en marcha a Deputación luguesa e a Consellería de Presidencia, será o encargado de crear unha rede provincial de parques de bombeiros coa que se atenderá unha vella reivindicación dos Concellos da provincia que ata o de agora estaban desasistidos en materia de emerxencias, agás os de Lugo e Monforte, os únicos que dispoñen na actualidade desta dotación. O Consorcio investirá 9 millóns de euros na construción de catro parques en Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada e o acondicionamento do de Barreiros, e destinará 3,5 millóns anuais para o mantemento deste servizo. Estas cantidades serán aportadas ó 50% polas administracións provincial e autonómica. Primeiro ciclo de ESO Por outra banda, o grupo provincial do PSOE propuxo que a Consellería de Educación e as comunidades educativas dos Concellos de Abadín, Baleira, O Incio, Paradela e Portomarín, Samos e Triacastela, afectados polos anuncio da supresión do primeiro ciclo de ESO, inicien un diálogo serio e construtivo para adoptar solucións que favorecan o desenvolvemento educativo e persoal dos rapaces. Os socialistas abstiveronse nunha moción que propoñía á Xunta de Galicia que paralizase a decisión de suprimir o primeiro ciclo de ESO nos devanditos municipios. Os voceiro socialista, Antonio Gato Soengas, considera que plantexar a súa continuidade “é unha aberración desde o punto de vista educativo porque os rapaces están condenados ó fracaso escolar”. Entre outros datos, Antonio Gato destacou que algúns destes Concellos tan só teñen tres nenos nacidos en 1996, que serán os que comecen este ano o primeiro curso da ESO, “algo insostible”, apuntou. O voceiro do PSOE subliñou que a Educación Secundaria Obrigatoria coincide coa etapa de madurez máis importante do individio, e é convinte que desenvolvan a súa actividade escolar en grupos de 15 a 25 alumnos porque así “se favorece o pluralismo, o traballo en equipo ou as actividades deportivas”. Os socialistas propoñen que a Consellería de Educación e as comunidades eductivas manteñan conversas coa finalidade de optimizar as rutas de transporte escolar e distribuír os alumnos noutros centros.